Sen confianzas

Se hai algo que demostrou sempre o fútbol é que o pechacancelas dunha categoría non ten porqué ser un rival doado. E esta fin de semana terá a oportunidade o Compos de comprobar se o As Pontes, que chega de asinar un punto na xornada pasada, cumpre con isto. Un partido nun campo histórico do noso fútbol e que non hai moito viviu fútbol de Segunda B.


Un histórico que quere volver.
O Clube Deportivo As Pontes está a piques de chegar aos seus 60 anos de historia e quere pasar o seu aniversario sen grandes problemas, cumprindo o obxectivo da permanencia nunha Terceira división con moito nivel. Non obstante, as cousas non están a saír ben aos homes de Marco Roca. Pechan a clasificación con só 6 puntos sendo incapaces de gañar dende hai mes e medio, conseguindo este único triunfo lonxe da súa casa.
Despois de 9 xornadas, os ponteses suman 6 puntos grazas a unha vitoria contra o Paiosaco na Porta Santa e tres empates, conseguindo só un no Poboado. Un As Pontes que malia a súa posición na táboa, non se trata dun rival doado. Vixésimos na clasificación pero o quinto equipo con máis goles a favor con 15 e 18 en contra, recibindo dous goles de media por xogo. Ao anterior hai que engadir que non perderon ningún partido por máis de un gol de diferenza sufrindo derrotas en momentos complicados.
E se a sorte non está do lado pontés no xeral, menos o fai cando falamos do Poboado. Na casa, esa sorte xa desaparece por completo. Catro partidos diante da súa xente e só un empate, contra o Arenteiro hai quince días. Non obstante, si que se tratan de partidos con moitos goles. Cinco goles en total contra Arzúa e Choco, seis no empate diante dos do Carballiño e ata sete na derrota fronte ao Arosa.
A nivel individual, contan con moita xuventude e a experiencia, no centro do campo, do ex compostelanista Gonzalo. Xunto a el, un dos máximos artilleiros da categoría. Carlos López, xogador que arrincou a súa carreira nas filas do Racing de Ferrol, chegou ás Pontes para anotar 23 goles na súa primeira campaña no Poboado e suma xa 8 neste arrinque da segunda sendo un seguro de cara á porta así como un habitual anotador na casa, onde fixo 7, mentres que o outro foi a pasada xornada.

Complicacións para os dous.
Na pasada xornada, os dous equipos conseguiron sacar uns resultados un tanto favorables. O Compos foi quen de superar a un Estradense que, como se prevé este domingo, puxo as cousas moi difíciles cunha defensa moi firme. Pola súa parte, o As Pontes foi quen de sacar un punto moi importante do Morrazo quedando a tres puntos dos postos de permanencia.
O Estradense chegou ao Vero Boquete coa intención de defenderse ben e aproveitar a calidade de Borja para buscar o perigo sobre a portería de Pato. Así foi como chegou, nun mal arrinque dos nosos, o primeiro tanto do partido. Gabri e Brais Abelenda foron quen de darlle a volta ao marcador asinando a remontada. Non obstante, a sorpresa chegou co segundo do equipo visitante dende trinta metros obrigando a un Brais Abelenda que está a superarse en ataque, a marcar o terceiro e definitivo.
Por outro lado, o partido no Morrazo. Un Alondras que non arrincou ben a tempada quería aproveitar o mal momento dos ponteses conseguindo, mediado o segundo tempo, adiantarse. A vantaxe morracense mantívose ata o treito final, ata que Carlos estragou a posible festa local cun gol a tres minutos para o final. Un empate moi valioso para os de Marco Rocha que sumaban por segunda xornada consecutiva.

O Poboado, proba complicada.
Foron xa varias temporadas nas que a Terceira división viviu emocionantes enfrontamentos entre Compos e As Pontes. Ata en 14 ocasións mediron forzas cun alto porcentaxe de triunfos branquiazuis, aínda que non sen complicación. De feito, as cousas comezaron con moita igualdade e vitorias para os dous, con goleadas, durante os anos 60, sendo o primeiro empate vinte anos máis tarde.
Nos partidos máis recentes, nos seis últimos anos, o casilleiro de triunfos tinguiuse das cores compostelanistas. Aínda que con complicacións, os nosos foron quen de gañar ata en tres das catro últimas ocasións con dous deses triunfos pola mínima. Ademais, un empate que non deixaba a ningún contento grazas aos tantos de Saro para os nosos e Callón para os locais.
En canto ao ocorrido no Poboado, o Compos contou con serios problemas para sacar bos triunfos. De feito, a primeira visita rematou con derrota por 3-1 devolvéndoa dous anos máis tarde, cun 0-4. Ademais, dous empates e un triunfo pola mínima con gol de Joselu no treito final.

Problemas na defensa e Primo á vista. 
No capítulo de baixas, logo dunha semana para recuperar ben as forzas, as ausencias serán as de Jimmy e Sergio Pereira, os dous mancados aumentando os problemas para Yago á hora de organizar a defensa. Todo isto nunha semana na que chegaron novas sobre a máis que posible volta de Primo á Esedé, no palco fronte ao Estradense e agora adestrando cos que poden ser os seus novos compañeiros. 

Horario habitual. 
Como xa é habitual, o partido será este domingo ás 17 horas. O verde do Poboado, que apunta a estar en boas condicións malia o mal tempo destes días, vivirá un xogo entre históricos. Un partido para o que as entradas terán un prezo de 10 euros. 
Por contra, para quen non poida asistir, poderá seguirse en directo a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Ademais, poderá verse en directo a través da segunda canle da TVG. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario