Aproveitando erros

Compos e Estradense demostraron sobre o verde de San Lázaro, nunha cita con máis igualdade do esperado, que quen erra, acaba pagándoo. Así foi durante os noventa minutos nun partido onde os goles chegaron precedidos de erros por parte dun e doutro lado cos nosos saíndo, non sen sufrir, como gañadores recuperando vantaxe con respecto ao Ourense pola primeira posición e ampliando a vantaxe sobre o quinto clasificado, que segue a ser un Choco en horas baixas.

De menos a máis. 
O partido arrincou cun Estradense valente buscando a portería de Pato. Un equipo que xa se sabía do seu potencial polo feito na Copa Federación e non quixo facer menos no Vero Boquete. A iso hai que engadir tamén o cansazo nos xogadores locais e as rotacións feitas logo do partido contra o Coruxo, igualando un pouco máis as forzas. A iso hai que engadir as boas combinacións realizadas polo visitantes en labores ofensivas e a falta de acerto da defensa branquiazul, traducíndose todo o anterior no primeiro tanto do partido, obra de Borja, aos sete minutos.
Pouco a pouco, non sen antes pasar por unha nova ocasión de perigo de Juanín e o primeiro troco moi cedo obrigando a Sergio Pereira a saír do campo, irían mellorando as cousas para os nosos. Non obstante, foi preciso un pequeno erro da defensa estradense para que o empate subira ao marcador. Unha defensa case sen ocos, na que Hugo Sanmartín atopou por onde meter o balón para disparar, rexeita o porteiro e aparece, máis listo que ninguén, Gabri para marcar cun disparo cruzado. Tal foi a mellora branquiazul que a remontada materializouse en só dous minutos cun guión semellante, neste caso cun disparo de Josiño que rexeita Coke, mais con Brais Abelenda como autor dun gol moi importante á par que insuficiente.
E é que nun primeiro tempo tolo, o Estradense quixo manterse con moita vida manténdose como un equipo que, malia non acompañar os resultados, está a facer méritos para sacar algo mellor. Aínda así, o tanto que igualaba por terceira vez o marcador, chegou cunha proba de Brais Calvo dende trinta cun erro inexplicable de Pato ao que se lle escorregou o balón das mans entrando na portería.

Superiores no segundo tempo. 
A segunda metade estivo un pouco máis desigualada. Agás un disparo de Borja, sen dúbida a peza máis perigosa do equipo, nos primeiros intres, os corenta e cinco minutos foron de constante asedio branquiazul sobre a portería defendida por Coke. Un segundo tempo onde se sucederon os disparos dende todas as partes posibles, sen incomodar o suficiente ao gardamallas grazas ao traballo dunha férrea defensa.
Para superar esa defensa, que non mostrou ocos, faría falta unha xenialidade e para iso non podería haber outro mellor que Brais Abelenda. O de Bembibre recibiu o esférico na banda, foi cara o interior e púxoa no primeiro pau cun disparo imposible para o porteiro. Un acerto que serviría para rachar coa mala xeira e manter o pleno de vitorias no Vero Boquete.
Os minutos finais contaron con algunha que outra ocasión e, sobre todo, interrupcións con amoestacións nos dous equipos, sen chegar a máis culminando un novo triunfo da Esedé moi importante a nivel anímico.

Agora, sen fútbol entre semana, os homes de Yago Iglesias terán tempo para recuperar ben forzas coas que afrontar unha nova saída complicada, neste caso ao Poboado para entrontarse ao As Pontes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario