Premio para os locais

Un mal partido, en liñas xerais, no Poboado contra un As Pontes que saiu a buscar o empate cunha forte defensa, coa única intención de evitar que os nosos puideran crear perigo. Ao bo traballo realizado polos homes de Marco Rocha hai que engadir que os nosos tampouco tiveron unha boa tarde malia levar o peso do partido durante os noventa minutos. Un xogo que rematou sen goles significando, así, o primeiro empate dos nosos e que provoca que o Ourense CF poña terra por medio na clasificación. 

Sen intentos. 
O primeiro tempo xa deixaría claro, dende o comezo, das complicacións que tería o Compos para poder achegarse á portería defendida por Liz. Tal foi así que a primeira ocasión con algo perigo tardaría en chegar vintecinco minutos, sen causar grandes problemas para o gardamallas local. Uns problemas que tampouco tivo o gardamallas para sacar outro testarazo de Pablo Antas, xa case no tempo de lecer, que a piques estivo de entrar.
Un guión que se repetiu ao longo do segundo tempo. A Esedé mandando con claridade sobre o verde mais sucedéndose as interrupcións por parte dos xogadores locais, vendo ata catro cartóns amarelos por diferentes accións que evitaban manter un bo ritmo de partido, algo que tampouco foi quen de realizar un equipo que, no segundo tempo, tampouco foi quen de probar con claridade a Liz. 

Polémica dobre. 
O partido non estivo para nada exento de polémica. A actuación do colexiado deixou moito que desexar permitindo aos ponteses realizar contantes faltas na frontal para evitar que os nosos puideran penetrar na área. Aínda así, as dúas accións polémicas, un por parte e por banda, evitaron ver goles no Poboado. 
No primeiro tempo, a acción que puido cambiar o transcurso do encontro foi para os locais. Un gol anulado por fóra de xogo, que de ser así sería moi axustado, na única oportunidade dos de Marco Rocha significaba o primeiro posible erro do colexiado, que amosou máis cartóns por accións illadas que por faltas. 
Xa na segunda metade, co Compos un tanto desesperado, acción semellante dentro da área e de novo gol anulado por suposto fóra de xogo compensando o feito no primeiro tempo. 

Agora, xa cun punto máis no peto, hai que pensar en superar ao Silva o vindeiro domingo no Vero Boquete e manter esa inmaculada xeira de triunfos na casa este curso. Ademais, hai que agardar aos vindeiros días para coñecer o estado de Álvaro Casas, que se tivo que retirar mancado no segundo tempo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario