Unha xornada menos para o final e un triunfo máis para o casilleiro da Esedé. Unha vitoria complicada mais non por un rival que pouco puido facer máis que aproveitar os erros locais, importantes en contadas ocasións. Non obstante, co resultado en contra e un home menos sobre o verde, os de Yago Iglesias souberon darlle a volta e asinar un resultado máis que favorable con só tres días de preparación, sen descanso posible, dende que pasou a Arandina polo Vero Boquete.
Unha acción que puido cambiar o xogo.
O primeiro tempo contou cun arrinque dos nosos no que a piques estiveron de sorprender a Ángel Fraga. Unha dobre ocasión moi importante e perigosa nos primeiros minutos que solventou o gardameta con algunha que outra complicación sendo pouco máis que un feito aillado, xa que, co paso dos minutos, o Lugo defendeu algo mellor anulando as chegadas branquiazuis.
Outro dato a ter en conta no primeiro tempo foron as contras visitantes. Sen conseguir superar á defensa, só puxeron en verdadeiro perigo a Pato nunha xogada. Unha xogada que lle custou o partido a Soto. Marchaba en velocidade Escobar, xogador máis importante dos seus en ataque sendo un dos protagonistas do encontro, e vendo que non podía gañar en velocidade derrubouno. Último xogador antes do porteiro e cartón vermello directo. Un problema serio para o Compos quedando con dez e, ademais, coa defensa tocada. Ante isto, o perxudicado foi Josiño tendo que ir ao banco antes do agardado.
Mais, por se os problemas non eran xa poucos, o segundo tempo non comezou mellor. Primeira chegada do filial lugués á área e penalti cometido por Álvaro Casas, que rematou tamén cun cartón amarelo. Dende os once metros, gol de Escobar para adiantar aos seus e deixar aínda máis tocado a un Compos cun home menos e unha das pezas chave fóra do partido.
E chegou a reacción.
Dúas chegadas que se transformaron nun cartón vermello a un rival e un penalti que posteriormente sería o primeiro gol da tarde. Ante isto, era o momento de dar un golpe e volver amosar a superioridade dun Compos canso pero con moita calidade. Con isto e unha forte presión ante a posible saída de balón, foi algo máis doado conseguir unha remontada con autoridade.
O primeiro chegou, de principio a fin, con Brais Abelenda como autor. O de Val do Dubra realizou unha moi boa presión, roubou a pelota e non perdoou cun zurdazo que petou no pau antes de entrar. Un gol moi importante e que cambiou o futuro do partido con aínda algo máis de media hora por diante.
Non obstante, pouco tardou en cambiar por completo o signo do encontro cunha fermosa xogada na que interviron en gran medida os dous irmáns do equipo. Xogada que inicia Jimmy, pase para Brais Abelenda e este pícaa para que Saro só teña que empurrala ao fondo das redes por debaixo das pernas do gardamallas.
Agora si co partido a favor, o Compos foi superior. O terceiro tanto non puido caer do lado dos nosos mais non houbo que lamentar ocasións importantes do filial lugués. A iso hai que engadir que tamén chegaron os problemas físicos logo dunha semana moi dura e intensa con Miki sen substituido e Pato sufrindo para poder rematar o xogo.
Agora hai que preparar o partido do vindeiro domingo en terras ourensás contra unha UD Ourense que non é quen de asinar resultados coma os da tempada pasada, mais sendo igualmente un rival complicado.

Ningún comentario:
Publicar un comentario