Volta á liga

Superado o partido contra a Arandina, no que os nosos asinaron un novo triunfo, agora hai que pensar no enfrontamento que medirá a un Compos con aínda máis fame de vitoria co Lugo B. Un partido que chega só tres días despois da Copa RFEF, sen case tempo para recuperar, e no que os de Yago Iglesias queren, como mínimo, manter a distancia con respecto ao Choco, que defenderá o primeiro posto da clasificación en Santa Mariña diante do Silva, así como tentar abrir máis oco cos principais perseguidores, agora mesmo a 5 puntos. 


Aínda sen arrincar.
O filial do Clube Deportivo Lugo deixou a pasada tempada grandes mostras da súa calidade sobre o terreo de xogo durante a segunda volta, apuntándose como un dos candidatos aos postos de promoción de ascenso esta mesma campaña. Non obstante, José Durán non acaba de dar coa tecla neste principio de curso buscando, no Vero Boquete, a terceira xornada consecutiva sumando.
Na zona media da clasificación, undécimos con 7 puntos en 6 xornadas, trátase dun dos peores visitantes do grupo. E é que mentres Pontellas e Arenteiro caeron na Cheda, o único punto acadado a domicilio foi en Espiñedo, nun partido sen goles contra o Arenteiro. A parte, derrotas pola mínima fronte Arosa na Lomba, Choco en Santa Mariña e Ourense CF na Cheda dun equipo con máis goles a favor, 7, que en contra, 6.
Lonxe de terras luguesas, só 1 punto de 9 posibles deixan en mal lugar aos albivermellos. Nada puideron sacar dun campo sempre complicado como é A Lomba de Vilagarcía nin tampouco na súa visita ao líder actual, malia empatar un 2-0 en menos de dez minutos. A única ocasión na que puideron puntuar foi, curiosamente, nun partido onde non viron portería e defendendo ben para evitar que o fixera o Arenteiro. 2 goles anotados e 4 recibidos a domicilio.
A nivel individual, hai que falar de grandes xogadores que poderán contar con minutos no fútbol profesional ao longo da tempada, algo que xa fixo Antón Escobar debutando este ano co primeiro equipo contra o Tenerife. A parte, Manu e Rayco son os máximos goleadores do equipo con 2 tantos cada un, ámbolos dous vendo porta nos mesmos partidos.

Un rival á altura. 
Se hai algo do que pode tirar o equipo dirixido por Eloy Jiménez en certos momentos do campionato é o seu filial. Un Lugo B con grandes xogadores, preparados para buscar dar o chimpo ao primeiro equipo, e que o ano pasado xa puxo as cousas difíciles aos de Yago Iglesias. Non obstante, os resultados acabaron sendo positivos para os nosos, puidendo ser mellores en terras luguesas nun partido con algo de polémica por certas cousas que pasaron fóra do verde. 
A última visita do filial lugués a terras santiaguesas rematou cun resultado moi favorable para os nosos. Partido cómodo, con goles de Piscu e Santi e con Lorenzo deixando a súa porta a cero. Un partido do que poderían repetir catro xogadores no once titular con Miki e Brais Abelenda como pezas fundamentais nos plans do adestrador branquiazul. 

Con paso firme. 
Contando a pretempada, só un equipo foi quen de superar, en partido oficial, a un Compos que promete grandes tardes de fútbol ata o mes de xuño. Contando Copa Deputación, Copa RFEF e o campionato regular, e ese foi un Bergantiños que non por fútbol mais si por efectividade puido eliminar ao equipo na Copa Deputación e ser o único capaz de evitar un triunfo branquiazul en liga. 
Con 5 vitorias en 6 partidos e unha defensa envexable, o Compos é un gran favorito, se non o principal, para gañar a liga este curso. Un equipo forte en defensa, con Pato como porteiro menos goleado, e moi atinado en ataque, con Miki e Josiño convertidos en pezas chave sendo un perigo constante polas bandas, e máis aínda nun Vero Boquete cunhas medidas superiores aos de case tódolos campos do resto da categoría. Un gran traballo que se levou tamén este pasado xoves á Copa RFEF onde o equipo superou a rolda de dezaseisavos contra a Arandina grazas a unha contundente goleada na que xogadores coma Hugo Sanmartín e Rodri conseguiron ver portería. 
Pola súa parte, a regularidade non está a ser un forte do filial lugués. Con só 4 puntos dos últimos 12 en xogo, ocupan un posto na zona media dunha clasificación agora mesmo moi igualada, na que un esvarón pode levar a un equipo das portas da promoción de ascenso case aos postos de descenso. E para evitalo levan preparando toda esta semana un partido no que queren encadear a súa segunda vitoria consecutiva ou ben a terceira xornada seguida puntuando logo de empatar sen goles en Espiñedo e superar na Cheda ao Alondras cun resultado importante grazas aos goles de Rayco, Chiqui e Manu. 

Todos dispoñibles. 
Se contra a Arandina foron todos os dispoñibles convocados, cabe recordar que nas competicións da RFEF hai dous suplentes máis que na liga da Terceira división, para este partido hai incluso un dispoñible máis. David Soto, que non puido estar o xoves cumprindo o seu segundo partido de sanción, estará xa dispoñible para seguir formando parella no centro da zaga con Álvaro Casas este domingo. Con el poderían volver ao once xogadores coma Pato ou Jimmy, que non contaron con minutos na competición do KO. 

Horario de fútbol habitual. 
O Compos volve ao seu horario habitual este domingo. Ás 17 horas dará comezo no Vero Boquete un partido entre dous grandes equipos e que ninguén debería perderse. Un xogo para o que as entradas terán un prezo de 10 euros mentres que aboados e menores de idade pasan de balde. 
Por contra, para quen non poida asistir, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube así como escoitarse en directo a través de 'Esedé Radio', onde ademais se poderán gañar dúas entradas para o partido contra o Estradense. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario