A sétima, en camiño

Superada xa unha sexta parte do campionato. Un Compos imparable colidera a clasificación da Terceira igualado a puntos co Ourense Clube de Fútbol, equipo co que a única diferenza atópase nos goles anotados situando aos da Cidade das Burgas no máis alto. Non obstante, malia ter que visitar Ourense esta fin de semana, o rival será o outro equipo da cidade, o que namorou co seu fútbol popular e que a piques estivo de pelexar polo seu quinto ascenso consecutivo noutros tantos anos de vida fundándose no ano 2014.


Faltos de vitorias. 
Hai xusto un ano, a Unión Deportiva Ourense era o equipo revelación do campionato. Cun equipo cheo de grandes xogadores, con moita experiencia e un bo fútbol, os ourensáns tiñan moi ben tomada a medida á categoría igualando a puntos co Compos a estas alturas. Un comezo de liga que non se repetiu este ano pasando a estar na zona baixa da clasificación malia ser un dos equipos con menos derrotas no seu casilleiro. 
Con 7 puntos noutras tantas xornadas, os homes de Fernando Currás asinaron, polo momento, un só triunfo. Foi no Couto, fronte ao Arosa sendo ademais o único partido no que deixaron a súa porta imbatida. A parte, outros 4 empates repetindo sempre o mesmo resultado, o 1-1. E por outro lado, 2 derrotas nos dous únicos encontros nos que non foron quen de atopar o camiño á portería contraria. 
No que vai de tempada, os de Fernando Currás xogaron un total de tres partidos no Couto como locais, aos que engadir outro máis como visitante. Un triunfo contra o Arosa, un empate fronte ao Arenteiro hai dúas semanas e unha derrota a mans dun Choco que perdeu o primeiro posto a pasada fin de semana son os resultados para un equipo que anotou diante da súa afección 3 goles e recibiu 2. Por outro lado, tamén xogaron, aínda que coma visitantes, fronte ao outro Ourense, o Clube de Fútbol, no Couto encaixando a maior goleada da súa historia. Un equipo que de derrotas pouco sabe sumando 23 dende 2014, unha cifra moi lonxe á das vitorias colleitadas.
A nivel individual, nun equipo con moitos trocos con respecto á pasada tempada, contan con pezas importantes coma Marquitos, autor de 2 goles no que vai de tempada, Rubén Durán, Isi ou Vieytes aos que sumar os ex do Compos Josu e Germán logo da saída de Fondevila, agora no Rápido de Bouzas, e Pato. 

O Couto, campo de bo xogo. 
Dende a súa inauguración hai xa 70 anos, o campo do Couto viviu moitas tardes de fútbol. Co Clube Deportivo Ourense chegouse a ver durante moitos anos fútbol de Segunda división, Segunda B e Terceira. Non obstante, agora son UD Ourense e Ourense CF os que pelexan por saber quen manda no estadio ourensán. Un estadio que este ano vivirá 38 partidos de liga e unha posible promoción de ascenso no caso de que algún dos dous equipos consiga rematar entre os catro primeiros. 
Alí, o Compos asinou os tres puntos na súa visita ao mesmo rival ao que se medirá este domingo. Nesa primeira visita dos nosos á UD Ourense en partido oficial, o encontro estivo moi igualado e disputado con Pato freando as acometidas máis importantes dos que agora son os seus compañeiros de vestiario. Brais Abelenda abriu a lata ao filo do descanso mentres que Rubén fixo o propio cando xa agonizaba o encontro, nos intres finais deixando sen ningunha opción ao equipo de Fernando Currás. 
Un campo moi favorable para o xogo do Compos. Dos poucos terreos de xogo cunhas medidas semellantes ás do Vero Boquete e que permite aos homes de Yago Iglesias poder abrir o xogo ás bandas sendo Miki e Josiño unhas pezas fundamentais nos plans do adestrador branquiazul. 

Seis de sete. 
Se hai algo que non deixa lugar a dúbidas é o arrinque que está a asinar o Compos. Un comezo que non só é o mellor dende a chegada de Yago Iglesias, superando en tres puntos ás dúas últimas campañas, senón que ademais é o mellor arrinque dos nosos en moitos anos. Con seis vitorias e unha derrota en sete encontros, non queda nada máis que gozar dun fútbol que está a outro nivel, deixando mostras da dificultade que hai á hora de intentar superar a unha Esedé que promete dar moita guerra.
Para acadar o sexto triunfo nesta liga, houbo que sufrir e suar gran parte do encontro con dez, logo da expulsión de Soto. O Polvorín chegou a adiantarse no marcador mais non tardou en caer o empate, obra de Brais Abelenda, e un segundo gol en menos de dez minutos nas botas de Saro co que asinar unha vitoria máis complicada do desexado tres días despois de superar á Arandina tamén no Vero Boquete.
Polo seu lado, a UD Ourense a piques estivo de asinar a súa primeira vitoria a domicilio, mais a sorte non estivo do seu lado. Xa mediado o segundo tempo, Dani Pedrosa adiantou aos ourensáns logo dunha asistencia de Isi. Non obstante, cando xa todo indicaba que os tres puntos irían cara terras ourensás, o Alondras atopouse co gol do empate asinado por Vieytes en propia porta. Un golpe de mala sorte para un equipo que quere volver ao camiño do triunfo diante dun dos equipos máis en forma do campionato.

Soto, baixa importante.
E de novo chegará o momento de Queiruga. O central xa tivo que xogar diante da Arandina os noventa minutos pola sanción de Soto, xogou máis da metade do partido contra o filial do Lugo e apunta ao once titular, de novo pola ausencia do central ourensán, contra a UD Ourense. Será a única baixa por sanción con, polo de agora, todo o equipo en perfectas condicións. Non obstante, chega unha nova semana dura na que Yago Iglesias terá que pensar en como repartir minutos tendo o vindeiro xoves un partido importante no Vero Boquete ante o Coruxo por un posto nos cuartos de final da Copa RFEF.

Un templo do fútbol galego.
Hai campos na nosa terra que son puro fútbol e un deses é O Couto. O estadio que acollerá este domingo dende as 17 horas un encontro fermoso, con máis igualdade da que se poida ver nas clasificacións e no que os nosos queren manterse no camiño ao primeiro posto de cara á promoción de ascenso, obxectivo principal. Un partido para o que as entradas terán, coma sempre, un prezo de 10 euros.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá seguirse o xogo a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Tamén se poderá ver en directo a través da segunda canle da TVG. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario