Vellos coñecidos

Dúas derrotas despois, o Compos buscará este domingo os tres puntos na liga cos que manterse no alto da clasificación. Diante estará un Estradense con moitos vellos coñecidos pola familia branquiazul dende o posto de adestrador pasando por un bo número de xogadores que, ben na base ou ben no primeiro equipo, pasaron polas filas da Esedé. Un partido que, sen dúbida, terá moitísimo sentimento.


Coa intención de quedar.
O Estradense volveu á Terceira división sete anos despois coa única intención de asinar a permanencia. Un equipo que, logo dun bo arrinque de curso, está agora pasando por un momento malo encadeando agora catro derrotas consecutivas, e todas pola mínima. Un equipo que se defende ben e que non adoita perdoar diante do porteiro sabendo xa o que é gañar nun campo tan complicado como é A Lomba.
Oito xornadas despois, os homes de Alberto Mariano suman 7 puntos, todos conseguidos no primeiro mes de competición. Malia non arrincar con bo pé en Arzúa, conseguiron os tres puntos contra Paiosaco e Arosa empatando, sen goles, contra o Pontellas, a revelación desta tempada. Ese reparto de puntos foi a última vez na que conseguiron puntuar. Despois, un mes complicado onde non puideron puntuar contra Choco, Ourense Clube de Fútbol, Arenteiro nin Alondras, perdendo sempre pola mínima quedando ás portas dos puntos sempre e chegando a ir gañando por dous goles de vantaxe sobre o equipo do Couto.
Na Estrada demostran a calidade que manexa o adestrador nas filas do equipo. Non obstante, o seu mellor resultado chegou a domicilio. Lonxe do Novo Municipal comezaron a liga con derrota, encaixando un tanto nos minutos finais, xa sen tempo para reaccionar. Unha sorte que si tiveron á hora de gañar, con autoridade, na Lomba asinando a súa segunda vitoria consecutiva grazas a dous goles de Borja Míguez. Por outro lado, en Santa Mariña foron por debaixo no marcador durante máis de oitenta minutos sen conseguir anotar mentres que, en Espiñedo, recibiron dous goles en menos de media hora e, malia intentalo, o gol de Borja Míguez foi insuficiente para sacar algo positivo.
A nivel individual, a día de hoxe hai que salientar ao xa antes nomeado Borja Míguez. O dianteiro formado nas categorías inferiores do Compos atopou o seu oco nas filas do cadro pontevedrés sendo unha peza moi importante para o ascenso anotando un total de 20 goles. A día de hoxe, na Terceira suma xa 3 goles. Este ano está acompañado de moitos ex branquiazuis dos que agora falaremos.

Voltan á súa casa.
Alberto Mariano colleu o mando do Estradense en 2017. Un adestrador novo e que demostrou unha gran calidade na base do Compos tomando o mando do primeiro equipo nun momento pésimo sen poder demostrar o seu nivel na Segunda B. Tomou o control do equipo logo da destitución de Iñaki Alonso e foi a ponte ata a chegada de Fredi. Con el, un equipo animicamente afundido asinou 4 de 21 puntos debutando con vitoria fronte a un Celta B, con xogadores coma Borja Iglesias, Pape Cheikh, Iván Villar ou Lucas Olaza que agora triunfan na Primeira división, no Vero Boquete. Un adestrador que deixou ás portas do ascenso ao equipo na súa primeira campaña e que non perdoou na segunda só superados polo Pontellas, con só un punto de diferenza entre os dous conxuntos.
Con el chegaron para defender as cores do equipo vermello xente que pasou polas filas do Compos coma Ander Bellido, central na primeira tempada de Yago Iglesias no equipo, ou Samuel Marque. Na zona de creación, Juanín Rey e Ube suman xuventude e calidade nun centro do campo onde está a experiencia de Javicho, outro canteirán que deixou as filas da Esedé en 2003 para sumar unha longa carreira entre Castela e León e Andalucía. E no ataque, un Borja Míguez que pelexou por facerse un oco na Terceira división a base de goles.

Segundo 'round'.
Sen chegar a coincidir na Terceira división Compos e Estradense, si podemos falar dun precedente moi recente. Tan actual que foi hai dous meses na Copa Federación, na fase galega, onde os de Alberto Mariano puxeron contra as cordas aos nosos.
Cun once con moitos teóricos titulares, os de Yago Iglesias foron superiores sobre o verde do Novo Municipal da Estrada. Ese nivel fíxose visible no marcador cun gol de Samu no primeiro tempo. Non obstante, na segunda parte igualouse moito máis a cousa e os locais non só foron quen de empatar, grazas a un gol de Borja Míguez, senón que ademais houbo un segundo gol, neste caso de Juanín no 85, facendo valer por partida dobre a 'lei do ex'. Non obstante, Queiruga quixo poñer aínda máis emoción á eliminatoria xa no engadido co 2-2 definitivo. Sen prórroga, foi nos penaltis onde gañou o Compos grazas aos acertos de Soto, Casas e Samu.

Factor que iguala o encontro.
A experiencia e a calidade do plantel branquiazul sitúano, sobre o papel, por enriba neste emparellamento. Non obstante, só tres días despois de dúas horas de fútbol moi intenso poden igualar as cousas sobre o verde dun San Lázaro que xa vimos o mércores que non acusa a acumulación de auga caída na capital galega nos últimos días.
O mércores, na Copa Federación, visitaba o Vero Boquete un Coruxo que non demostrou a súa superior categoría, con xogadores pouco habituais na competición local. Aínda así foron quen de adiantarse e obrigar ao Compos a dar un pouco máis para seguir vivo no torneo. Gabri asinou o empate. E que pasa cando xuntas unha 'besta negra' do equipo e un xogador que xa demostrou ser moi perigoso nas súas anteriores visitas? Pois que Sylla, na prórroga, fixo o segundo e definitivo repetindo o guión do vivido no Couto días antes. Porque este Compos é superior a todos os seus rivais pero perdoa máis que ninguén.
Polo seu lado, hai que ir ata o pasado domingo para ver o último resultado do Estradense. Recibían no Novo Municipal ao Alondras nun partido de necesitados e, nun xogo onde mandaron sobre o esférico os vigueses, o resultado decidiuse por un único gol de Agujetas a once minutos para o final. Ese gol estivo a piques de igualalo Javicho nos intres finais cun balón que acabou petando no pau, mandando os tres puntos cara Cangas.

Volve Soto.
Aínda que xa xogou contra o Coruxo, Soto poderá estar dispoñible despois de cumprir sanción a pasada fin de semana. O central ourensán apunta á partida xunto a Álvaro Casas nunha defensa na que veremos se está Jimmy, que non puido sequera rematar o primeiro tempo o mércores por cansazo. Non obstante, o resto do equipo está dispoñible para se o adestrador os precisa.

Que mellor para unha tarde de domingo?
O horario que xa comeza a ser o habitual, domingo ás 17 horas, arrincará un dos grandes partidos da xornada no Vero Boquete. Un partidazo entre dous equipos separados por algo máis de 20 kms e que terá un bo ambiente nas bancadas malia o mal tempo. Cita para a que as entradas terán un prezo de 10 euros mentres que aboados e menores de idade pasan de balde.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Ademais, tamén se poderá escoitar en directo en 'Esedé Radio', na web oficial branquiazul.

Ningún comentario:

Publicar un comentario