O Compos non puido sacar nada bo da súa visita ao Couto. Un partido serio dos homes de Yago Iglesias en liñas xerais mais con algún que outro erro que condeou aos nosos a non sumar. Diante, unha UD Ourense que fixo o seu partido, arriscou o menos posible e aproveitou cada contra para crear perigo, escaso pero eficaz, diante de Pato. Ao anterior hai que engadir a grandísima actuación de Ángel Díez, gardamallas do cadro local, evitando a que puido ser unha nova vitoria branquiazul.
Máxima igualdade.
No primeiro tempo non houbo ningún equipo que puidera ser mellor que o outro. Dous conxuntos atrevidos, con plantexamentos moi diferentes e que deixaron mostras da súa calidade durante os primeiros corenta e cinco minutos.
Co balón en poder dos homes de Yago Iglesias, as ocasións foron moi escasas, sen posibilidades de superar á defensa ourensá. E se hai dous homes que se repartiron o protagonismo neste primeiro tempo foron Brais Abelenda e Pablo Antas sendo os dous autores das mellores oportunidades cos que probar sorte diante dun Ángel Díez en moi bo estado de forma, salvando cada balón que lle chegou. Pola súa parte, Pato case non tivo que traballar no primeiro tempo máis ca nunha ocasión, a máis perigosa do primeiro tempo, de Isi.
Cando mellor estaba o equipo...
O segundo tempo arrincou cun gol anulado a Brais Abelenda por fóra de xogo. Un primeiro aviso que deixaba mostras de que o Compos sairía mellor ao terreo de xogo. E así foi. O equipo que xogou de amarelo foi superior nos primeiros intres mais o Ourense non perdoou na primeira contra da que gozaron antes de chegar aos quince minutos. Un gol que arrincou cun balón en longo dende campo propio, erra Queiruga e non perdoa Iago Blanco cun disparo que entra logo de enganar a Pato.
Co resultado en contra, o protagonista foi, sen dúbida, Ángel Díez. O traballo do gardamallas cántabro foi inmellorable evitando a remontada branquiazul. E non foi por intentos. Pablo Antas, que se topou co longueiro, Rodri e Gabri tiveron o gol nas súas botas mais sen a sorte precisa para volver do Couto con algo positivo.
Non obstante, xa non haberá tempo de lamentar a derrota antes dunha nova cita. E é que recibiremos ao Coruxo no Vero Boquete na segunda proba, a cada cal máis dura, na Copa RFEF.

Ningún comentario:
Publicar un comentario