Vitoria de infarto

O Compos asinou un triunfo agónico na visita do Barco ao Vero Boquete. Un partido onde os nosos foron superiores nos noventa minutos mais o gol tardou en chegar, coa pelota sen querer entrar. O conxunto valdeorrés, pola súa parte, non pasou do centro do campo sen conseguir incomodar a Pato. O gol,obra de Jimmy, serviu para manter o pleno de vitorias neste arrinque tan duro como importante para os homes de Yago Iglesias. 

Cando non quere, non entra. 
O primeiro tempo foi unha constante busca dos nosos polo gol. As chegadas sobre a porta de Oviedo sucedéronse durante os primeiros corenta e cinco minutos con importantes intervencións pola banda de Jimmy e Josiño, sendo dúas pezas fundamentais unha semana máis no triunfo branquiazul. Non obstante, faltaba alguén que puidera, entre os defensas valdeorreses, rematar as ocasións. 
A balón parado, nalgún córner ou falta, escasas ante o medo do colexiado a pitar preto das áreas, chegaron as mellores ocasións dos nosos con Pablo Antas e Samu como actores principais. Non obstante, a sorte estaba a dar as costas a un equipo que non puido adiantarse no marcador antes do tempo de lecer malia merecelo en numerosas ocasións. 

Con insistencia. 
A segunda metade foi moi parecida á primeira. O Compos seguiu a ser superior sobre o verde contra un Barco que opuxo resistencia nun cuarto do terreo, de novo sen pasar de aí. Non obstante, as ocasións foron chegando con cada vez menos perigo ante o cansazo co paso dos minutos. Coas bandas levando de novo todo o perigo, o rival buscou frear aos nosos a base de faltas que, aínda así, non deixaron tocado ao conxunto valdeorrés. 
E chegou. Quen a segue a consegue e así, con insistencia, caeu o gol do triunfo. Unha xogada longa, na que interviron boa parte dos xogadores branquaizuis e que rematou cun balón ao interior para Josiño, este abre para Jimmy e o lateral non perdoa ante Oviedo asinando un novo golazo da lenda compostelanista, que se presenta como un gran goleador do equipo neste arrinque de curso. 

Un triunfo que deixa ao Compos como líder en solitario despois de 3 xornadas sendo o único equipo que conseguiu un pleno de triunfos. E quedamos ás portas do máis importante e interesante desta primeira volta, xa que agora chegan Bergantiños, nas Eiroas, e Fabril, no Vero Boquete, para medir o gran momento dos nosos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario