Chega, na cuarta xornada, un dos partidos máis importantes e complicados do curso para o Compos. Hai que visitar As Eiroas, campo difícil para a Esedé, e a un Bergantiños que non acaba de arrincar on bo pé nesta nova tempada na Terceira división. Un partido onde o líder quere manter a súa condición de invicto contra un dos rivais directos na pelexa pola primeira posición ao final do curso, aínda que agora mesmo teñan certos problemas para sacar os tres puntos.
De todo.
Levamos xa 3 xornadas do campionato e o Bergantiños xa coñece os tres signos indo de menos a máis e asinando, a pasada fin de semana, a súa primeira vitoria. Un equipo que arrincou a tempada cunha derrota a mans do Ourense CF no Couto recibindo unha dura, á par que sorprendente, goleada. Non obstante, a defensa carballesa empezou a funcionar na estrea do equipo nas Eiroas asinando un empate e de novo apareceu ese guión que repetiu en varias ocasións o equipo a pasada tempada conseguindo a súa primeira vitoria a domicilio.
O Bergantiños, que a pasada tempada fixo das Eiroas un fortín case imposible para os rivais, quere repetir este curso e, polo de agora, o Arenteiro non foi quen de anotar ningún gol mais volvendo cara O Carballiño co que sería o seu segundo empate consecutivo, sumando contra o Fabril outro e de novo sen goles.
En canto ao aspecto individual, o Bergantiños mantivo pezas importantes coma Rubén Rivera ou Cano e asinando pezas que se presumen chave como Iago López na defensa ou Marcos Remeseiro, xogador que pode marcar diferenzas no centro do campo. Non obstante, non foi outro que Alex Diéguez o que asinou o ata agora único tanto do cadro carballés.
Capítulo 2.
A pasada fin de semana recibíamos no Vero Boquete ao Centro de Deportes Barco. Un equipo que nestes últimos 4 anos puxo en serios problemas ao cadro dirixido por Yago Iglesias, incluíndo xa a cita do pasado domingo onde houbo moito que traballar. Pois ben. O Barco non é o único equipo que lle ten tomada a medida ao Compos.
O equipo agora dirixido por Miguel Figueira volveu á Terceira división alá polo 2014 e, logo dunha tempada para esquecer, sumaron 3 fases de ascenso consecutivas, sen sorte en ningunha para conseguir volver á categoría de bronce onde permaneceron durante 2 cursos a finais dos anos 80. 3 anos entre os mellores da Terceira división superando en 2 ao Compos na clasificación e deixando claro o difícil que é sacar algo positivo das Eiroas.
Remontámonos ata o ano 2017, cando coincidiron ata dúas viaxes branquiazuis con Yago xa como adestrador da Esedé. Esta serie de encontros comeza, como non, cunha derrota clara. Alex Pérez inaugurou o marcador xa no segundo tempo mentres que Mon non tardou en asinar o empate. Non obstante, xa no treito final chegaron os goles do agora dianteiro da Esedé Rodri Alonso e Iago Blanco para deixar os puntos nas Eiroas.
Mesmo ano e diferente resultado. En menos de medio ano, o equipo tiña aprendido dos seus erros e neste caso a vitoria viaxou cara á capital grazas a un gol de David Uña nos primeiros intres do xogo. Un resultado curto mais suficiente para gañar.
E xa chegamos ao 2019. Hai algo máis de medio ano, na segunda volta do campionato 2018/19, a emoción chegou ata un final de infarto. Diego adiantou aos carballeses pero apareceu Aythami para, con dous goles evitar un novo triunfo bergantiñán. Non obstante, a sorte volveu dar as costas aos nosos e, cun gol de Cano no engadido, toco acabou cun reparto de puntos inmerecido.
A todo o anterior hai que sumar a Copa Deputación. En semifinais, Compos e Bergantiños medían forzas no Vero Boquete e o equipo de Miguel Figueira levou o triunfo e o pase á Final grazas a un par de erros en defensa dos nosos que non desaproveitaron nos minutos iniciais. Despois, foi imposible conseguir remontar o partido caendo finalmente pola mínima.
'In extremis'.
Os dous equipos quixeron dar moita emoción á pasada xornada, na que a maior goleada foi do Ourense CF diante do Rápido de Bouzas, cun triunfo agónico nos minutos finais do xogo. O Compos, fronte ao Barco para facer 3 de 3, e o Bergantiños no Morrazo, contra un Alondras que non funciona na casa.
Jimmy, nunha xogada de equipo na que interviron boa parte dos seus compañeiros, foi o encargado de rachar co empate malia a gran superioridade branquiazul durante todo o xogo. Un gol que serviu para asinar os tres puntos moi importantes.
Puntos que foron igual de importantes e necesarios para un Bergantiños que chegaba ao Morrazo obrigados a gañar contra un Alondras que na casa non é quen de puntuar. Neste caso, volvendo ao guión de gañar partidos nos minutos finais, Alex Diéguez asinou o gol dos carballeses no 89 sendo suficiente para gañar o seu primeiro partido.
Yago, 'top 3'.
Esta é xa a cuarta tempada na que Yago é adestrador no Compos e nas Eiroas sumará un total de 128 partidos entre liga, Copa do Rei e promocións de ascenso. Con esa cifra de encontros, o adestrador branquiazul superará xa a Fernando Vázquez nesta lista e asaltará o 'top 3' igualando a José López. Algo máis lonxe queda o segundo nesta clasificación, Santiago Sanz 'Yayo' con 199 citas, e con máis do dobre que o actual, un Fernando Castro Santos que merece mención a parte despois de levar ao equipo dende a Terceira ata a Primeira división entre 1989 e 1995 sendo non só o adestrador con máis éxito da historia do clube senón, ademais, o que máis partidos adestrou, cun total de 263.
Recuperando pezas.
A parte máis dura desta primeira volta chega e Yago vai recuperando pezas. Nesta semana sen partido o mércores, algo que cambiará nun par de semanas coa volta da Copa RFEF xogándose esta cada 15 días, parece que xa estarán dispoñibles por se son necesarios tanto Alberto, recuperado xa das molestias, e un Sergio Pereira que se mantén fóra dos terreos de xogo dende a fase de ascenso do pasado curso. Dúas voltas ás que na vindeira fin de semana podería sumarse a de Hugo Sanmartín.
A forza da afección.
O partidazo da xornada 4 será este domingo nas Eiroas ás 18 horas. Un partido que este pasado luns xa deixou un pouco de polémica en redes sociais co prezo das entradas marcado polo Bergantiños, de 15 euros, e que finalmente será rebaixado a 10 euros para todos aqueles aboados do Compos que adquiran as súas entradas no Vero Boquete de San Lázaro antes da fin de semana, recibindo o clube unhas 200 para comezar.
Por contra, para quen non poida asistir ao enfrontamento en terras carballesas, o partido poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario