Visita de bronce

Despois dunha semana, estamos de volta e facémolo para vivir un dos grandes partidos da categoría. O Compos visitará este domingo un dos campos máis duros da Terceira división. Un campo, o Baltasar Pujales, que na súa historia máis recente foi de Segunda B cun Rápido de Bouzas que namorou co seu fútbol na primeira tempada de bronce quedando ás portas dunha promoción de ascenso ao fútbol profesional no mellor curso da súa historia. Agora, o equipo vigués non pasa polo seu mellor momento e recibirá ao gran favorito na pelexa polo primeiro posto da clasificación.


Problemas serios en defensa.
O Rápido de Bouzas non puido arrincar a tempada dun xeito moi positivo. O equipo dirixido por Miguel Fernández, adestrador dos aurinegros dende este mesmo verán, non é quen de levar polo bo camiño aos seus malia contar cun dos grandes planteis da categoría. Como mostra, só 6 puntos de 15 posibles sen aínda estrear o casilleiro de empates.
A tempada dos vigueses comezou polo bo camiño cun triunfo traballado e pola mínima fronte ao Pontellas en San Campio cun gol xa no treito final. Despois, dúas derrotas e unha segunda vitoria con goleada contundente no Baltasar Pujales fronte a un Arenteiro que tampouco parece tomarlle a medida ao curso. Non obstante, o seu bo momento non durou máis encaixando outra dura derrota no Morrazo a mans do Alondras.
Mirando un pouco máis os números conseguidos polo equipo, o Rápido é o quinto equipo con máis goles con 7 tantos a favor mentres que, polo outro lado, trátase do equipo máis goleado da categoría con 11 goles en contra, igualado cun Somozas que pecha a clasificación.
A nivel individual, contan con vellos coñecidos nas súas filas. Comezando por Lorenzo baixo paus, Yahvé e Fondevila volven compartir vestiario unha vez máis volvendo o primeiro ao equipo no que está por terceira etapa na súa carreira. A parte, Firi é o máximo goleador do equipo con 3 tantos, todos eles a domicilio.

A lei do ex.
Como xa todos sabemos, en moitos equipos da categoría hai ex branquiazuis e no Rápido non é para menos. Os tres antes nomeados pasaron polas filas do cadro santiagués co porteiro pasando directamente do Vero Boquete ao Baltasar Pujales, mentres que os outros dous estiveron no Compos na Segunda B mais tomaron o camiño cara terras viguesas procedentes de Alondras, no caso de Yahvé, e Fondevila, do Ourense Club de Fútbol. 
Non obstante, o mesmo se repite entre os nosos. Ata tres xogadores contan con pasado aurinegro entre os que se atopan os encargados de marcar os goles e as diferenzas este domingo. Miki, que está a ser o mellor xogador do que vai de curso, formouse no equipo de Bouzas debutando no primeiro equipo en 2013. Pola súa parte, Rodri Alonso e Pablo Antas compartiron vestiario na segunda tempada do equipo na Segunda B. 

Favoritos históricos.
Entre santiagueses e vigueses xa se puideron ver numerosos enfrontamentos ao longo da historia. Comezando nos anos 60 e con 40 anos sen partidos entre eles, volveron hai algo máis de dez anos a medirse as súas forzas para agora, case 54 anos despois da primeira vez, Compos e Rápido de Bouzas, dous históricos do fútbol galego, volvan verse na Terceira división.
Comezamos nos anos 60, onde non houbo case discusión por saber cal dos dous equipos era mellor. Todo comezou cun empate en Vigo mentres que en Santiago, nas dúas seguintes citas, repartiron un triunfo por lado. Non obstante, tres goleadas contundentes, con 17 goles a prol dos branquiazuis e sen ningún para os contrarios, deixaron mostra do nivel.
40 anos despois da última goleada, cun 0-8 a prol dos nosos, xogouse de novo no Baltasar Pujales un partido cuxo triunfo caía para o lado compostelanista, ao igual que a primeira visita do Rápido de Bouzas a San Lázaro. Dúas vitorias para igualar, nos últimos enfrontamentos, o nivel con dúas vitorias aurinegras, unha para os da capital e un empate na última ocasión que se viron as caras en Santiago.
Para a última visita do Compos a Bouzas, nun final de tempada na que os nosos xa non se xogaban nada, o triunfo caeu do lado local grazas a un gol de Youssef a falta de só 5 minutos para o final do encontro supoñendo unha vitoria moi importante para os vigueses na súa pelexa pola promoción de ascenso, na que conseguirían ascender fronte ao Peralada e acompañando a un Fabril ao que tamén acompañarían este ano no descenso de volta á categoría.

Un arrinque inmellorable.
As dúas tempadas anteriores supuxeron un gran comezo para o equipo de Yago Iglesias e este non foi para menos. Co 'tourmalet' particular a piques de rematar, o Compos bateuse xa con equipos tan fortes coma Alondras, Bergantiños ou Fabril sacando un total de 12 puntos de 15 posibles quedando só sen marcar nin puntuar nas Eiroas, quedando só a 1 punto do líder, o Choco, e demostrando ter unha das mellores defensas do campionato con Pato nun estado de forma envexable.
Este camiño cara á Segunda B tivo como parada anterior o Vero Boquete, onde houbo que enfrontarse ao Fabril de Luisito. Un partido interesante, emocionante e con algo de polémica por algún que outro erro arbitral, que deixou aos dous equipos igual. Fóra destas cousas, o Compos soubo impoñerse ao filial deportivista cun partidazo de Miki por banda dando as dúas asistencias para Brais Abelenda e Josiño e un Pato que se confirma como o mellor gardameta da categoría cunha actuación inmellorable.
Pola súa parte, o Rápido de Bouzas foi incapaz de sumar dous resultados positivos consecutivos. Contra un Alondras obrigado a darlle unha boa nova á súa afección, os vigueses foron incapaces de sacar nada positivo chegando a perder por 4 goles de diferenza á media hora de xogo. Firi foi o único capaz de marcar un gol aparecendo de novo para marcar a domicilio, sen conseguir facelo aínda na casa.

En boa forma.
Agora chega xa unha parte interesante e ilusionante da tempada. Non só pasaron xa os dous 'cocos' da liga senón que, ademais, chega a fase nacional da Copa RFEF que dá opción de xogar este mesmo ano a Copa do Rei. Un partido fronte á Arandina do que xa falaremos a vindeira semana pero que pode ter moito que ver nos plans de Yago Iglesias de cara á visita ao Baltasar Pujales. Aínda así, como xa pasou fronte ao Fabril no que se estreou Hugo Sanmartín, o adestrador branquiazul xa ten á súa disposición a todo o equipo, sen mancados nin sancionados.

Domingo pola AP-9.
O primeiro gran partido do que se ven esta semana chega o domingo ás 17 horas no Baltasar Pujales, campo con herba artificial e no que os nosos buscarán o feito no Morrazo e esquecer o das Eiroas, os dous campos de sintético nos que xa houbo que xogar. Un partido que, como xa dixo o clube local, non será 'día do clube' e para o que as entradas terán un prezo habitual de 10 euros.
Por contra, para quen non poida asistir, poderase seguir o encontro a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Ademais, poderá verse en directo a través da segunda canle e na web da TVG no carrusel da Terceira división. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario