Primeira caída

As Eiroas sempre se presenta como un campo case imposible para o Compos de Yago Iglesias e este ano non foi menos. O equipo dirixido por Miguel Figueira soubo xogar mellor as súas cartas e levarse os tres puntos nun partido difícil cheo de erros en ataque e numerosas interrupcións que impediron un ritmo elevado sobre o verde. O gol do triunfo, obra de Yelco, deixou sen opcións a unha Esedé que tivo en Pato unha peza fundamental demostrando, unha vez máis, a súa gran calidade baixo paus parando un penalti. 

Pouco xogo.
O partido non tivo unha primeira parte das que pagan a pena lembrar. Con moitas imprecisións, erros en ataque por parte de ámbolos dous conxuntos e un bo número de interrupcións que impediron un xogo máis fluido sobre o verde das Eiroas. Sen ocasións, moi pouco que destacar nuns 45 minutos nos que quedou claro que o máis xusto sería un empate sen goles e co cadro carballés un tanto tocado con 2 xogadores amoestados. 

San Patricio. 
A segunda metade contou cun protagonista que está a converterse nunha peza fundamental do equipo neste comezo de tempada. Pato foi de novo chave parando un penalti cometido por el mesmo mantendo a igualdade e facendo xustiza nas Eiroas. Con esta ocasión desperdiciada polo Bergantiños, o Compos espertou levando algo de perigo á portería defendida por Santi. 
As imprecisións e os erros diante da porta carballesa permitiron, de novo, aumentar as opcións do cadro local, que puido adiantarse no marcador a falta de 15 minutos cun tanto obra de Yelco Alfaya máis que suficiente para deixar o triunfo en Carballo. 
Co resultado en contra, o Compos buscou o empate con algo máis de intensidade pero de novo sen acerto con Brais Abelenda e Pablo Antas perdoando logo de dous centros dun Jimmy que, ao igual que o porteiro uruguaio, está a ser unha das figuras máis importantes do equipo neste comezo de liga. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario