Gran triunfo e mellores sensacións

O Baltasar Pujales foi un campo difícil para os nosos mais non imposible. Gran triunfo do Compos fronte a un Rápido de Bouzas que foi quen de aguantar media hora o que acabou a ser un recital ofensivo dos homes de Yago Iglesias, estreándose de cara a porta xogadores coma Baleato, encargado de facer o primeiro, e Rodri, que se estreou en liga como goleador branquiazul a só catro días de recibir no Vero Boquete á Arandina nun partido que apunta a complicado e igualado. 
Dous puntos. 
Un arrinque co Rápido algo máis forte, con máis intencións e petando contra un muro uruguaio, e que tardou cinco minutos en igualarse cun Compos que tivo en Miki un puñal pola banda. Non obstante, houbo que agardar quince minutos para ver a primeira ocasión dos nosos con Brais Abelenda como autor tendo en Lorenzo un duro contrincante. 
Pouco a pouco, a Esedé foi gañando terreo sobre o sintético do Baltasar Pujales aínda que sen conseguir levar o perigo á portería local co balón en xogo. Foi preciso un córner para abrir o marcador. Un córner que puxo rápido en curto para Samu e un centro ao corazón da área onde Baleato se ergueu por enriba da defensa aurinegra para, cun gran testarazo, asinar o primeiro punto a favor deste primeiro tempo.
Co resultado favorable, chegou a superioridade branquiazul levando máis perigo á área defendida por Lorenzo, aínda que sen poñer en risco ao gardamallas padronés. Non obstante, a segunda acción que cambiou totalmente o transcurso do encontro chegou nos intres finais do primeiro tempo cunha entrada perigosa a destempo de Pablo sobre Josiño vendo un cartón vermello directo que ninguén protestou. 

Sentenza.
Os vinte primeiros minutos do segundo tempo foron un monólogo por parte de dous xogadores do Compos que están a facer unha tempada excepcional. Josiño e Miki. Miki e Josiño. As bandas do campo vigués botaron fume ante a velocidade dos dous extremos incomodando a unha defensa tocada e poñendo, agora si, en serios problemas a un Lorenzo que puido aguantar vinte minutos máis sen recibir outro gol. 
Cada xogada dos nosos en campo contrario era, sen dúbida, unha ocasión clara de gol. Ditas oportunidades de ampliar diferenzas sucedéronse logo da reanudación mais foi outro o protagonista do segundo tanto, no que de novo interviu Miki dando a asistencia para un Rodri que tivo que irse ao chan para poder mandar a pelota ao fondo das redes. 
Xa co partido practicamente pechado, era o momento de asegurar algo máis o partido con vintecinco minutos por diante. Jimmy estivo a piques de sorprender a Lorenzo cun disparo que petou na cruceta pero foi Brais Abelenda quen finalmente sentenciou o encontro co terceiro e definitivo gol da tarde. Un gol que, ao igual que o primeiro, naceu nun córner que nesta ocasión remata Samu, rexeita o porteiro e o de Bembibre non perdoa en segunda instancia co padronés no chan. 

Un triunfo importante en moitos sentidos e que permite ao Compos manterse na terceira posición, a só un punto dun Choco intratable e sacando xa 7 a Fabril e Bergantiños, que esta fin de semana non foron quen de gañar. Por outro lado, o equipo pensa xa no xoves, na Arandina nunha eliminatoria da Copa RFEF a partido único con moita emoción e igualdade sobre o verde do Vero Boquete. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario