A familia Seoane Mella leva as cores da Esedé no corazón e esta tempada serán dous irmáns os que defendan ao equipo. E é que a lenda branquiazul, o xogador con máis partidos coa camisola do Compos, Jimmy volve á casa. Óscar Seoane Mella suma máis de 250 partidos no equipo da capital entre Preferente, Terceira e Segunda división B. Un futbolista que naceu na Esedé e que volverá, unha vez máis, para conseguir o seu cuarto ascenso de categoría despois de facelo unha vez á Terceira división e outras dúas á categoría de bronce.
Estreándose na Preferente, nun dos peores momentos da historia do clube, celebrou o seu primeiro ascenso mentres que a súa chegada á Terceira división non puido ser mellor, conseguindo o seu segundo ascenso, neste caso á Segunda división B. E foi na terceira categoría a nivel estatal onde se puido dar máis a coñecer, abrindo as portas de moitos clubes malia o descenso de categoría, nunha tempada con problemas a nivel institucional.
A súa primeira saída do Compos levouno ao Montañeros, onde non puido contar con moitas oportunidades na Segunda B en dous anos, sufrindo un novo descenso á Terceira división. Non obstante, da Coruña pasou de novo á Esedé para acadar un novo ascenso á Segunda división B sumando catro tempadas máis e deixando o equipo logo da baixada nunha tempada pésima ás ordes de Iñaki Alonso, Alberto Mariano e Fredi, estes dous últimos sendo incapaces de arranxar o mal traballo do adestrador vasco.
Boiro, Pontevedra e Arenas de Getxo aumentaron a experiencia dun xogador que buscará superar os 300 partidos coa Esedé sendo xa arestora o xogador con máis partidos no equipo. Unha lenda do noso equipo que cubrirá a baixa de Naveira e compartirá vestiario co seu irmán Saro, defendendo un por cada banda.

Ningún comentario:
Publicar un comentario