Deixando pisada

Por segundo ano consecutivo, o '9' titular do Compos busca outro camiño logo dun grandísimo curso na Esedé. E é que Aythami abandona a capital galega buscando triunfar nunha categoría superior logo de anotar un total de 25 goles, sendo o máximo artilleiro branquiazul dende a saída de Joselu e superando o feito unha tempada antes por Primo.
O dianteiro canario chegou procedente do filial do Las Palmas para ser un fixo nos plans de Yago Iglesias. Un goleador nato que precisou algo máis de 150 minutos para asinar o seu primeiro gol oficial. Un primeiro tanto que chegaría acompañado doutras dúas citas consecutivas vendo portería sendo fundamental o gol contra o Alondras para darlle ao equipo tres puntos importantes.
A súa titularidade indiscutible trouxo consigo unha gran recompensa, sobre todo no Vero Boquete. Aythami anotou en 9 partidos consecutivos na casa, entre novembro e abril asinando actuacións doutro nivel coma os 4 goles contra o Paiosaco ou os 3 diante do Boiro. Ademais, dous dobretes entre liga e fase de ascenso, nun partido que merece mención a parte.

A vida.
Unha tarde para facer historia. Diante, un Alavés B que chegaba cun resultado a favor e que non tardaba en adiantarse tamén no Vero Boquete. De pasar a estar obrigados a marcar dous goles, a ter que facer tres para seguir con vida nun soño. Aí apareceu Aythami. O canario abriu o camiño antes do tempo de lecer e, logo dun gol de Santi, anotou o terceiro cando restaban menos de dez minutos, xa co máis difícil feito. Non obstante, das bágoas de ledicia a todo o contrario en cuestión de minutos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario