Hugo Sanmartín é novo dianteiro do Compos. O vigués é a terceira fichaxe do equipo branquiazul e chega procedente do Arenteiro para asinar por unha tempada na Esedé. Un xogador que superará este curso os 150 partidos na Terceira galega logo de formar parte do Cidade de Santiago, Arosa, Choco, Boiro e o equipo do Carballiño. Por outro lado, coñece tamén a Preferente e a Segunda B superando os 50 goles na nosa categoría.
Aos seus 30 anos, conta cunha gran experiencia. Un futbolista que no 2009 debutou na Terceira división no Cidade de Santiago nunha tempada para esquecer que rematou coa desaparición do equipo santiagués. Logo do seu paso pola capital, volveu preto da casa para xogar no Pontellas, na Preferente Sur. Dous cursos no clube porriñés que lle abriron as portas dun Arosa co que acadou o seu primeiro ascenso, neste caso á Terceira división. O seu paso polo cadro arousán durou curso e medio antes de volver á Preferente, asinando polo Gondomar.
O seu mellor momento chegou na súa seguinte tempada. De Gondomar a Redondela, onde conseguiu mellorar os seus números asinando 16 e 21 goles respectivamente, xogando a fase de ascenso a unha Segunda B onde xogou nas filas do Coruxo, anotando 2 tantos na categoría de bronce, á que buscará volver coa Esedé. E é que cambiou Vigo por Boiro volvendo á Terceira división.
Na tempada pasada, no Arenteiro, sumou un total de 14 goles en 35 partidos quedando ás portas dos 3.000 minutos totais. Unha peza fundamental nos plans do equipo do Carballiño e que será parte importante do equipo de Yago Iglesias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario