Chegou, demostrou a súa calidade e gañou á afección. Miguel Villar Alonso, máis coñecido como Miki, naceu en Nigrán hai 22 anos e chegou a Santiago para ser unha peza fundamental nos plans de Yago Iglesias. Un lóstrego que será dono da banda dereita, pola que tanto perigo chegou este ano, por segunda tempada consecutiva logo de ser a primeira renovación confirmada neste mes de xullo.
Procedente do Boiro, con experiencia en grandes equipos malia a súa xuventude, Miki chegou ao Compos para ser unha peza fundamental na pelexa polo ascenso. E así foi. O de Nigrán fíxose co posto na primeira xornada do campionato e, agás en catro citas, estivo sempre nos plans de Yago Iglesias. Un xogador que participou en 39 xogos, 29 deles como titular e completando un total de 21, superando os 2.600 minutos sobre o verde. Unha oportunidade que non deixou escapar anotando un total de 4 goles importantes nas vitorias fronte Alondras e Ribadumia e pechando a vitoria cómoda contra o Mensajero.
Non obstante, o mellor de Miki, polo que máis destacou, non foron os seus goles. A banda dereita foi unha fonte de perigo durante toda a campaña grazas á súa velocidade e centros sempre importantes aos seus compañeiros superándose contra o Somozas, nun partido onde non foi quen de marcar pero si de dar ata 3 asistencias. Ademais, tivo boa parte da culpa do terceiro gol contra o Alavés B, obra de Aythami, coa asistencia a Aythami.
Agora, coa renovación de Miki son xa 15 pezas para a tempada que dará comezo en algo máis dun mes, arrincando o traballo co resto dos seus compañeiros nun par de semanas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario