Saídas moi importantes

O Compos arrincou este xoves cunha nova importante ademais de esperada. Dúas baixas máis no equipo branquiazul de cara á vindeira tempada que deixan un gran recordo. E é que Alex Ares e Marcos Remeseiro non seguirán na Esedé pechando así un traxecto de dous e un ano respectivamente nos que deixaron moi boas actuacións.

O mellor xogador da Terceira. 
Por nivel, por calidade e por maxia. Alex Ares chegou á Esedé coa fama de ser o mellor xogador da categoría. E non defraudou. O de Pontedeume, chegado dende Cerceda, foi unha peza fundamental na consecución das dúas grandes tempadas realizadas polos nosos acadando un primeiro e un terceiro posto. A súa maxia que demostrou durante 40 partidos na súa primeira campaña entre liga e fase de ascenso facendo 12 goles anotando dende os once metros un gol en Negreira que poñía case na man dos nosos o título de campións, conseguido oito días despois no Carballiño.
37 partidos nesta segunda tempada na que formou un trío letal con Aythami e Brais Abelenda sendo autor de 13 goles. Un curso no que deixou, sen dúbida, unha actuación difícil de esquecer no partido contra o Racing de Ferrol con tres goles, o seu único 'hat-trick' compostelanista, no Vero Boquete.
Sen dúbida, un xogador moi difícil de mellorar e cuxo futuro pasa pola Segunda B con total seguridade.

Creación e seguridade. 
Marcos Remeseiro non será xogador do Compos por segundo ano. O centrocampista coruñés, que chegou á Esedé dende as filas do Boiro, deixa o equipo logo de non recibir unha oferta para renovar a súa continuidade. Unha das pezas máis utilizadas nos plans de Yago Iglesias e que xa conta cun substituto confirmado logo da fichaxe de Baleato. 
A piques de cumprir 27 anos, Remeseiro chegou a Santiago sendo un dos grandes creadores da categoría. Un reforzo importante para o centro do campo e que deixou moi bos recordos no Vero Boquete sendo a quinta peza máis utilizada. Máis de 2.600 minutos entre as tres competicións nas que puido anotar 2 goles, un na derrota contra o Bergantiños e outro na goleada fronte o Boiro, ambos os dous na casa. 
Racing de Ferrol, Compos, Cerceda, Somozas, Boiro e os filiais de Oviedo e Depor, puideron gozar do xogo dun futbolista que buscará de novo un camiño logo dun gran traballo que non obtivo o premio do ascenso. Máis de 150 partidos na Terceira división e que podería dar un novo chimpo á Segunda B, despois de estrearse na categoría na Malata e volver como futbolista do Somozas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario