Rodrigo Alonso Fernández é novo dianteiro do Compos. O xogador de Ponferrada e xa ex do Rápido de Bouzas asina por un ano coa Esedé coa intención de volver á Segunda B, de onde descendeu co cadro vigués. Un futbolista que, aos seus 27 anos, coñece ben a categoría logo do seu paso polo Barco e o Bergantiños, antes de chegar ao Baltasar Pujales onde loitou ata o final na busca da salvación.
A súa carreira senior arrincou na Terceira división, debutando no filial da Ponferradina. Un ano despois, deixou a súa terra para xogar no Hondarribia na división de honra e pasou polo filial do Real Unión de Irún antes de chegar a terras galegas, onde entrou por Valdeorras.
No seu primeiro paso polo Barco, na Preferente Sur, o resultado non puido ser mellor. Ao primeiro posto na clasificación e o ascenso hai que engadir un total de 27 partidos conseguindo 18 goles, sendo polo de agora a mellor cifra dun dianteiro que superou os 10 goles sempre na Terceira galega. Foi, de feito, unha peza moi importante no cadro valdeorrés na volta á categoría con 35 partidos xogados e un total de 13 goles. Unha tempada que lle abriu as portas dun Bergantiños co que xogou ata dúas fases de ascenso, participando na súa primeira campaña en todos os partidos do equipo, anotando 11 goles e marcando na vitoria carballesa fronte aos nosos nas Eiroas. 37 partidos chegou a xogar na súa segunda campaña en Carballo marcando 14 goles en liga e abrindo as portas da Segunda B.
A sorte non o acompañou nin a el nin aos seus compañeiros nun Rápido de Bouzas onde sumou un total de 30 partidos e marcou 4 goles que serviron aos vigueses para asinar 7 puntos importantes e insuficientes.
Rodri Alonso é xa a peza 16 do novo proxecto que podería ter un integrante máis nas vindeiras horas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario