O mellor da categoría

A historia volve xuntar os camiños de Compos e Pato. O gardameta uruguaio volve ao equipo no que xa xogou durante o curso 2015/16 coa intención de devolvelo á categoría que se merece da man de Yago Iglesias e co mellor porteiro da categoría baixo paus. Unha peza cun nivel difícil de mellorar nesta Terceira categoría e que aos seus 34 anos volverá á Esedé para pelexar pola titularidade con Anxo despois de demostrar, o curso pasado, un gran nivel na súa volta á Terceira división, logo de ascender coa UD Ourense. 
A súa carreira comezou en Montevideo alá por 2013. Nas filas do River Plate de Montevideo comezaba o seu camiño un gardamallas que, aínda no seu país natal, defendería tamén as cores de Cerro e Racing Club de Montevideo antes de chegar a Europa para asinar, en 2009, por un Atlético Monzón que viña de perder na eliminatoria de campión o ano pasado fronte ao Compos. 
Monzón, Binéfar e La Muela abrían as portas galegas a un Pato que chegaría a Ourense para quedarse ata o final da vida do equipo vermello. Un ascenso na súa primeira campaña e dous anos máis na categoría de bronce antes da desaparición do conxunto ourensán no que deixou un gran recordo. Non obstante, era o momento de cambiar de aires e defender as cores do Barakaldo sendo, un ano máis, titular indiscutible. 
E chegamos a un capítulo difícil de esquecer. Segundo ano de Iñaki Alonso á fronte do Compos e a intención de mellorar a tempada anterior, na que os nosos quedaron ás portas da fase de ascenso á Segunda división. Non obstante, cun equipo defensivamente superior, a sorte non foi a mesma. Pato foi unha peza destacada nesa tempada malia o descenso deixando un gran oco na entidade. 
De Santiago, cara Boiro. Con Fredi no banco, Jimmy, Catú e Manu Rodríguez, o porteiro uruguaio mantívose un ano máis na Segunda B sendo titular indiscutible antes de volver a Ourense, á súa casa. E fíxoo para acadar un ascenso histórico cunha UD Ourense que chegaba á Terceira división coas súas paradas. Un gran traxecto por Ourense que se pechaba coa permanencia do equipo e el deixando grandes mostras da súa calidade, mellorando co paso dos anos. 
Agora volve ao Compos para ser de novo unha peza fundamental na busca da Segunda B cun gran equipo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario