A peza que faltaba

Esta mañá era oficial a volta de Pato á Esedé e só unhas horas máis tarde chega o central desexado. Trátase de David Soto, central ourensán de 25 anos cunha longa experiencia e que comezou a súa carreira 'senior' nas filas do Celta, ao que chegou con 16 anos para defender a camisola no xuvenil, no filial e incluso no primeiro equipo, co que xogou un partido de liga en Segunda división fronte ao Cartagena en 2011. 
David Soto arrincou no filial celeste indo de menos a máis en canto a tempo de xogo nos seus 5 anos no cadro olívico, no que superou os 80 partidos xogados. Coñecendo xa a Segunda B, onde se puido facer un nome importante, deixou Vigo para asinar por outro filial na categoría de bronce, neste caso o do Almería, co que non tivo gran sorte superando os 600 minutos de xogo. Un ano en Andalucía para volver a Galiza e probar nas filas do Boiro, onde puido dobrar a cantidade de minutos sobre o verde, para xogar unha tempada histórica, faltando só 90 minutos en toda a tempada, no Cerceda. Non obstante, ese mal curso en canto ao clube serviulle para, unha vez máis, facer as maletas e viaxar cara terras murcianas, ao Lorca. 
De volta á Terceira división, no Lorca FC, chegou a xogar un total de 29 partidos entre liga, Copa do Rei e fase de ascenso caendo contra a Cultural Leonesa na terceira rolda da proba do KO e facendo o propio na primeira na pelexa polo ascenso a mans do Alcobendas.
Agora buscará facerse un oco no centro da defensa xunto con Álvaro Casas e Queiruga. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario