Formado na base do Celta, Ube chegou ao Compos con 17 anos e aínda idade de xuvenil. O vigués, non obstante, formou parte do equipo dirixido por Yago Iglesias dende a súa chegada marchando cedido na segunda volta deste pasado curso ás filas do Boiro, onde foi un fixo e anotou un dos mellores goles da tempada.
En 2016 asinou pola Esedé unha das xoias da base celeste. Un centrocampista que pouco tardou en contar con minutos sendo titular en 17 partidos saíndo dende o banco só na segunda xornada. Unha tempada na que superou os 1.300 minutos e marcou un gol na goleada contra o Silva no Vero Boquete. Menos tempo tivo na súa segunda tempada na que, entre liga e fase de ascenso, non chegou aos 800 minutos. 18 partidos nos que, unha vez máis, asinou un tanto que pechaba a goleada contra o Arenteiro con apenas 3 minutos sobre o terreo de xogo.
A menor sorte, ás ordes de Yago Iglesias, chegou na súa terceira campaña. 12 partidos entre liga e Copa, saíndo titular só en 3, nos que quedou ás portas dos 400 minutos. A falta de tempo de xogo levouno a buscar unha saída en xaneiro e asinou, ata final de tempada, polo Boiro, onde si contou con moitos máis minutos, pasando os 1.000 totais na segunda volta, e foi quen de marcar outro gol, neste caso na Malata.
Agora deixa o clube no que se estrou en categoría senior e buscará seguir unha carreira que apunta alto.

Ningún comentario:
Publicar un comentario