Renovando velocidade

Josiño será xogador do Compos un ano máis. O extremo de Bueu chegou á Esedé procedente do Ribadumia o pasado ano e conseguiu facerse un oco no equipo no que sumou 30 partidos entre liga e Copa do Rei, traducíndose isto en algo menos de 1.500 minutos totais ben aproveitados con 3 goles, todos eles no Vero Boquete. 
Con velocidade pola banda, Josiño gañou a confianza de Yago Iglesias ata o punto de ser un gran revulsivo e unha peza moi importante nos plans do adestrador branquiazul. E é que con só 22 anos recén cumpridos, xogará a súa cuarta campaña na Terceira división tentando acadar ese tan desexado ascenso á Segunda B. Un futbolista que, malia non poder mellorar os seus rexistros goleadores, si foi un dos principais asistentes do equipo saíndo en 15 ocasións como titular, na metade das súas intervencións. 
Agora, con el son xa dez os xogadores mentres que, logo da contratación de Gabri, é o segundo atacante do equipo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario