Coa defensa xa case cuberta e a zona de creación renovada, o equipo comeza a formar unha dianteira coa intención de ascender á Segunda B. Jose Gabriel Palmás Fervenza, máis coñecido na Terceira galega coma Gabri, será un dos encargados de facer os goles branquiazuis durante o vindeiro curso. Chega dende as filas do Choco e pasou tamén polas do Alondras, onde se formou estreándose na categoría en 2016.
Malia a súa xuventude, cumprirá 21 anos en decembro, chegará á Esedé na súa terceira campaña como 'senior' logo de xogar case por completo as dúas anteriores. Nado en Moaña, formouse nas filas do Alondras, estreándose na Terceira división para xogar, ese mesmo ano, nas filas do Xuvenil do Celta, co que gañou a liga. Un dianteiro cunha gran experiencia e que superou os 3.000 minutos o pasado ano, aos que engadir máis de 2.000 no Alondras nun total de 79 partidos na cuarta categoría do fútbol español, da que espera ascender este ano.
En canto a goles, Gabri non queda atrás. Nas filas do Alondras pechou a súa primeira etapa 'senior' con ata 9 goles que axudaron ao seu equipo a conseguir a cuarta praza na táboa. 8 goles máis chegaron defendendo ao equipo de Redondela insuficientes para, nun final moi axustado, non poder repetir a presenza dun dos seus equipos na pelexa polo ascenso.
Agora, sendo o noveno xogador do equipo, reforza a un Compos que quere demostrar que á terceira vai a vencida.

Ningún comentario:
Publicar un comentario