Santi Gegunde deixa o Compos despois de tres anos defendendo as cores da Esedé. O dianteiro lucense buscará sorte fóra do Vero Boquete logo de chegar ao equipo dende as filas do As Pontes alá por 2016. Un xogador que superou os 100 partidos oficiais no equipo e foi o autor dun gol moi importante fronte ao Alavés B na súa última aparición no Vero Boquete, nunha despedida que rematou co xogador mancado e sen a mellor nova.
Chegado en 2016 para ser o referente no ataque branquiazul, Santi fixo 9 goles na súa primeira campaña chegando a xogar un total de 31 partidos partindo en 20 no once titular. Un futbolista que, nesa primeira tempada demostrou unha gran calidade humana no Morrazo mandando fóra un balón cando o tiña todo a pracer para anotar un gol logo de ver a porta baleira. Un xesto difícil de esquecer.
No seu segundo curso, retrasando a súa posición ante a chegada de Primo, contou con máis minutos, chegando a xogar un total de 40 partidos entre liga e fase de ascenso, superando os 2.000 minutos e anotando un total de 10 goles, asinando un 'hat-trick' na goleada branquiazul no Salvador Otero.
Non obstante, os seus mellores rexistros chegaron esta pasada tempada. Compartindo dianteira con Aythami, volveu sumar un total de 40 encontros entre as tres competicións superando incluso os 2.300 minutos. Unha tempada na que fixo 10 goles en liga e 1 na fase de ascenso, que supoñía o 2-1 contra o Alavés B e que daba folgos ao equipo na pelexa pola remontada.
Un xogador que deixa un bo recordo no Vero Boquete e ao que desexamos un gran futuro no fútbol.
Ningún comentario:
Publicar un comentario