A defensa segue a aumentar a base de renovacións. Sergio Pereira, lateral dereito que varias xornadas actuou tamén a banda cambiada dando descanso a Naveira, buscará pelexar un ano máis con Saro pola titularidade asinando por terceiro ano consecutivo. O de Santa Comba é xa a oitava peza do novo proxecto de Yago Iglesias na busca do ascenso e ocupando, un ano máis, praza de sub-23.
Con só 22 anos, Sergio Pereira arrincará a súa terceira campaña defendendo as cores da Esedé. Un xogador que suma máis de 3.000 minutos dende a súa chegada procedente do Somozas, onde debutou na Segunda B. Pasou os 1.200 minutos en liga, sen poder estrearse na promoción de ascenso, na primeira tempada mentres que esta pasada tempada estivo a piques de chegar aos 2.000 entre liga, Copa do Rei e fase de ascenso anotando un gol no triunfo branquiazul contra o Céltiga, no que inauguraba o marcador.
Con el son xa cinco defensas. Saro, Queiruga, Casas e Naveira completan as pezas na zaga ata o de agora mentres que Mon, Samu e Alberto fan o propio na zona de creación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario