O corpo técnico tamén continúa!

O corpo técnico branquiazul, que sumará a súa cuarta tempada no banco branquiazul, continuará un ano máis con Yago Iglesias á cabeza. Coa intención de ascender, o adestrador ribeirense e compañía buscarán a súa terceira fase de ascenso consecutiva e traballan dende xa na confección dun novo plantel de cara á nova tempada, cun novo proxecto e a intención de mesturar xuventude e experiencia, reforzando un bloque de xogadores que o acompañaron na pasada tempada con varias incorporacións. 
O gran traballo do adestrador branquiazul non pasou desapercibido. Diferentes nomes apareceron nas dúas últimas semanas destacando o do Coruxo e o dun equipo de primeira categoría europeo, mais, coma na casa, en ningures. E é que nestes 3 anos asinaron a presenza do equipo na fase de ascenso ata en dúas ocasións, chegando á final na segunda tempada logo de conseguir, ademais, facerse co primeiro posto da clasificación. Tamén se puido facer algo de historia na Copa do Rei conseguindo unha vitoria no torneo do KO 18 anos despois.
Con dúas semanas de reflexión despois da caída ante o Alavés B, o equipo xa conta con 7 pezas. Casas, Mon, Samu, Naveira, Saro, Alberto e Queiruga confirmaron xa a súa presenza na vindeira campaña e agora será a quenda do ribeirense de sentarse con Manuel Castiñeiras para seguir reforzando un equipo que terá que pelexar moi duro para facerse cun posto no máis alto da táboa fronte a rivais coma Fabril, Rápido de Bouzas, Bergantiños e Alondras logo de só acadar o ascenso o Racing de Ferrol. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario