A segunda etapa de Lorenzo na Esedé toca ao seu fin. O porteiro padronés deixa o Compos despois de volver a Santiago hai dous anos e medio cubrindo a saída dun Manu Cedrón sen minutos ante o gran traballo realizado por Lucas na súa primeira tempada ás ordes de Yago Iglesias. O gardamallas, que repartiu a titularidade durante estes dous cursos e medio con Lucas e Anxo, volve tomar a porta de saída logo de facelo en 2014, na Segunda B.
Dende as filas do Alondras, onde case non tivo minutos durante a primeira volta, chegou en xaneiro de 2017. Non obstante, non puido facerse co posto na portería do Vero Boquete ata as tres últimas xornadas, xa sen nada polo que loitar recibindo 2 goles en 270 minutos. Algo máis de tempo, ata sumar un total de 900 minutos en 10 partidos, tivo nunha tempada na que puido ser campión ás ordes de Yago Iglesias recibindo un total de 8 goles.
Cando máis minutos contou foi na tempada xa rematada, sen tampouco poder estrearse na fase de ascenso. Comezou como porteiro titular completando os 10 primeiros partidos e acabou o curso coa metade dos partidos ás súas costas. Un porteiro que conformaba unha das mellores parellas baixo paus xunto con Anxo e que encaixou 22 goles, deixando a portería a cero en 6 citas.
Lorenzo confírmase así como a segunda baixa do verán despois de confirmarse a de David Uña nun equipo que, arestora, conta con 8 pezas.
Algún rumor.
Polo de agora, pouco se sabe do que pasará nos vindeiros días. Non obstante, si apareceron xa algúns rumores de cara ao futuro do equipo na defensa. O canario de orixe macedonio Davor Zafirov, lateral esquerdo do Tenerife B, podería estar na axenda branquiazul xunto con outros moitos nomes e, segundo rumores nas redes sociais, puido ter xa unha oferta para competir polo posto con Naveira. Por outro lado, a baixa de David Uña podería cubrirse coa chegada doutro central con pasado branquiazul. Toño, xogador que deixou o Compos hai xa nove anos rumbo ao Lorca, rematou a súa vinculación ao Salamanca CF hai uns días e podería estar preto do Vero Boquete.

Ningún comentario:
Publicar un comentario