Rubén xa é historia da SD Compostela. O extremo arousán deixa un bo recordo no Vero Boquete de San Lázaro malia non ser unha das pezas fundamentais nos plans de Yago Iglesias dende a súa chegada alá por 2016 procedente do Arosa. Un xogador rápido e que se destacou pola súa velocidade pola banda, conseguindo un bo número de asistencias así como un total de 12 goles, a metade deles nesta terceira campaña na que non puido contar con máis minutos por mor dunha lesión.
Superando os 3.000 minutos nas tres tempadas nas que vestiu a elástica branquiazul, Rubén foi, sobre todo, un revulsivo para as segundas partes. Un xogador que dos 71 partidos nos que contou con minutos, 32 foron saíndo dende o banco mentres que en 39 ocasións apareceu dende a partida, completando só un total de 6 xogos.
Os goles, menos que as asistencias, chegaron de menos a máis. De feito, na súa primeira tempada só foi quen de ver portería contra o Bergantiños, anotando o gol que abría a vitoria branquiazul. Na súa segunda campaña, na que chegou aos 1.700 minutos entre liga e fase de ascenso, anotou un total de 5 tantos, abrindo de novo o marcador en ata 3 ocasións e anotando o gol que daba o empate contra o Arosa no Vero Boquete. Non obstante, foi neste último curso, no que non se puido estrear ata decembro e non chegou aos 550 minutos, cando apareceu a súa mellor cifra goleadora con 6 acertos, agradecendo así a confianza.
Agora só queda por agradecerlle o gran traballo realizado durante estes tres últimos anos e desexarlle moita sorte no seu futuro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario