Un gran coñecedor do clube, formado na base do Compos e que sumará a súa sexta tempada no primeiro equipo. Mon será un ano máis o capitán da Esedé logo de renovar por un ano, ata 2020, confirmándose así como o xogador con máis tempo no primeiro equipo. Un capitán que se estreou na Segunda B despois dun ano no Grixoa en calidade de cesión e que, aos seus 24 anos, superará esta tempada os 150 partidos de branquiazul.
Mon debutou ás ordes de Iñaki Alonso como xogador do primeiro equipo alá por 2014 xogando boa parte da segunda metade do partido que enfrontou ao Compos co Celta B, partido que se levaría o filial celeste pola mínima nun partido onde Jimmy marcou o gol local mentres que o santiagués Borja Iglesias, agora nas filas do Espanyol, fixo o primeiro tanto visitante. Unha tempada na que, non obstante, non puido superar os 100 minutos de xogo repartidos en 5 citas.
A confianza do adestrador chegou unha tempada despois estreando a titularidade de novo co vasco no banco en Burgos e puidendo desputar un total de 18 partidos entre Liga e Copa do Rei, quedando ás portas dos 1.000 minutos de xogo e anotando 3 goles, insuficientes para evitar o descenso do equipo á Terceira división.
Foi xa na Terceira, ás ordes de Yago Iglesias cando se fixo co control do centro do campo e da capitanía do equipo. 32 partidos xogados na súa primeira tempada e 4 goles superando os 2.500 minutos. Esa cifra mellorou na segunda campaña sendo un referente na zona de creación con 41 partidos entre Liga e Fase de ascenso, pasando os 2.800 minutos e anotando 3 goles, todos na primeira volta.
A chegada de Marcos Remeseiro a pasada tempada fixo que puidera rotar máis e repartirse algo mellor o tempo de xogo no centro. Outros 34 partidos máis superando os 2.100 minutos e asinando dous goles. Un referente dentro do campo malia a súa xuventude e que o levan á súa sexta tempada nas filas do Compos.
Con el son xa sete xogadores confirmados e acompañará a Samu e Alberto no centro do campo. Ademais, con Álvaro Casas e o de Bembibre, confírmase a renovación dos tres capitáns do conxunto.

Ningún comentario:
Publicar un comentario