Fin dun fermoso soño

Hai cousas que non son nada doadas de explicar. Cousas que ninguén querería contar. Cousas que ten isto do fútbol e que cada ano lle toca vivir a moita xente. E, por segundo ano consecutivo, esa xente que está a pasalo mal malia non merecelo somos nós. O Compos despídese da tempada un mes antes do desexado cunha vitoria insuficiente para seguir soñando coa Segunda B. Un soño que manterá un filial alavesista que chegou ao Vero Boquete sabendo que, por fútbol, serían incapaces de gañar e tiraron máis do outro xogo, do menos vistoso pero ás veces máis efectivo e que os levou á semifinal da fase de ascenso malia rematar o partido con 9 xogadores e un gol no tempo engadido. Ademais, hai que destacar o gran ambiente vivido nas bancadas cun gran número de seareiros. 

Aproveitando cada erro.
O primeiro tempo non contou cun dominador claro. O Compos saltou ao terreo de xogo con dúas marchas máis e buscando con intensidade a portería do filial vitoriano. Non obstante, as ocasións entre os tres paus tardaron en chegar co Alavés asinando as máis claras, ao igual que sendo os autores de frear o ritmo do encontro a base de faltas cada unha máis perigosa que a anterior. 
Os nervios xogaron malas pasadas durante os noventa minutos e o equipo de Iñaki Alonso foi capaz de aproveitar un á media hora de encontro para que Gualda, cun disparo imparable dende a frontal, abrira a lata. Un gol que impedía a posibilidade de prórroga e obrigaba ao Compos a meter tres goles como mínimo para pasar a eliminatoria. 

Puidemos crer.
Se este equipo deixou clara unha cousa é que non se rende nunca e así o deixou claro dende o momento no que se encaixou o gol. As cousas puxéronse moi complicadas, case imposibles, pero sorteando entradas, e a balón parado chegou o tanto do empate. Un centro que pon Marcos Remeseiro á área, non chega Gonzi e non perdoa un Aythami que unha vez máis foi a gran esperanza branquiazul. 
Así foi na primeira e na segunda metade. Cun Compos moi metido no partido, sabendo que se podería conseguir algo para a historia, comezaron a chegar as ocasións con sumo perigo polas bandas, con Brais Abelenda e Miki mandando centros case cada minuto. Non obstante, houbo que agardar a que o filial alavesista quedara con dez homes e á entrada dun Santi que non puido rematar o partido. O de Navia, xunto con Rubén que entrou á mesma vez ca el, puxeron aínda máis medo no corpo dos visitantes grazas a un gol a vinte minutos para o final. 
Non obstante, o mellor estaría por chegar. Grandes esperanzas dos nosos sobre o verde e que, quen senón, se encargou de materializar Aythami superados os oitenta minutos de partido. O canario, que deixa unha pisada difícil de borrar logo desta tempada na Esedé, aproveitou unha gran xogada de Miki con pase da morte ante a saída de Gonzi para asinar o terceiro gol e que remataría por facer estoupar as bancadas, asinando unha remontada moito máis importante da esperada. 

Pero non se fixo realidade. 
Estaba feito e de novo houbo problemas á hora de pechar o encontro. A iso hai que engadir o cansazo e o xogo directo do Alavés que fixo dano durante os noventa minutos e o engadido. E de feito foi xa fóra do tempo regulamentario cando, algo á desesperada, o gardamallas saca en longo, tócaa un xogador e Castillo non perdoa cun disparo de primeiras que vai directo á escadra da portería defendida por Anxo. 
As bágoas inundaron un Vero Boquete que con ese gol pechaba definitivamente as esperanzas de ascenso dun Compos que terá que pelexar por cuarto ano consecutivo na Terceira división, aínda coa dúbida de coñecer a algúns dos seus rivais na nova tempada e na que hai que descartar ao Racing de Ferrol, equipo xa ascendido á categoría de bronce.

Nos vindeiros días chegarán novidades sobre o futuro dun equipo que buscará, por terceiro ano consecutivo, pelexar por volver á categoría de bronce.

FICHA


Ningún comentario:

Publicar un comentario