Crer crea realidades

O Vero Boquete marcará este domingo as diferenzas no partido de volta entre Compos e Alavés B. Un partido importante no que os homes de Yago Iglesias terán que traballar para darlle a volta a un resultado negativo no camiño á Segunda B. Unha cita para a historia cun guión semellante ao do Terrassa do ano pasado, buscando o primeiro gol dende antes do comezo, cun recibimento ao equipo máis que merecido.


A defensa, importante a domicilio.
Se o Alavés B demostrou a pasada fin de semana ser un equipo algo forte na casa, facendo valer o campo pequeno e o seu fútbol directo, ao longo do curso deixou claro que a domicilio non ten tanta capacidade para sacar bos resultados. De feito, lonxe de Ibaia non puideron facer máis de 24 puntos, moi lonxe dos 42 asinados na casa. 5 triunfos e 9 empates avalan ao equipo de Iñaki Alonso fóra da súa casa, onde non perde dende a chegada do actual adestrador alá polo mes de marzo encaixando 5 derrotas.
Sodupe, Zamudio, San Pedro, Pasaia e Bermeo, equipos da zona media baixa da táboa, non puideron sequera puntuar nas ocasións nas que recibiron ao filial babazorro. Non obstante, o mesmo número é o de equipos que si puideron sacar o triunfo da visita do terceiro clasificado do grupo vasco. Somorrostro, Portugalete, Balmaseda, Santurtzi e Deusto si puideron facer o que buscará este domingo o noso equipo con só un resultado válido neste caso para a Esedé. Por outro lado, media liga pechando as súas excursións con empate con 3 sen goles para ningún dos dous equipos, aos que engadir outros 2 encontros nos que non puideron volver a casa cun gol no casilleiro.

O Vero Boquete sempre marca as diferenzas.
Un ano máis, o equipo dirixido por Yago Iglesias terá que darlle a volta a un resultado adverso. Xa pasou hai un ano, naquel momento na segunda eliminatoria, e este ano, o Vero Boquete, volverá ser un factor chave para seguir soñando co ascenso. E é que o feudo branquiazul fai que os partidos se fagan longos e duros aos rivais e máis aos que están habituados a traballar en terreos inferiores. A iso hai que engadir que, malia non estar pegados ao campo, os afeccionados, que responderán ben ante unha nova cita importante, serán o xogador número 12.
O segundo mellor equipo xogando como local. Un Compos que terá este domingo unha vantaxe única e que esta tempada o fixo sumar ata 41 puntos asinando 10 resultados válidos para asinar este domingo o pase á segunda rolda e 1 máis que levaría a cita á prórroga. 10 triunfos máis que importantes e suficientes para acadar o pase conseguidos contra rivais coma o Lugo B, Choco, Alondras ou Somozas.
En defensa, hai que reforzar algo máis a intensidade dalgún que outro partido. Contra Paiosaco e Racing de Ferrol tamén se conseguiron resultados moi importantes mais sufrindo unha remontada un tanto inesperada contra os primeiros, pasando de dous goles de vantaxe ao empate, e case pedindo a hora contra os ferroláns despois de chegar ao minuto 75 con tres tantos de diferenza no marcador. Por outro lado, hai que destacar que o equipo só recibiu 3 goles nos 5 últimos partidos na casa, anotando un total de 18.

Ataque contra defensa.
Se hai algo que chamou a atención do Compos durante todo o curso foi o bo traballo en ataque. Cunha boa zona de creación, con homes coma Mon, Samu e Remeseiro, a parte máis ofensiva do equipo contou con diferentes opcións debido ao tipo de xogadores dispoñibles. E é que con Miki e Josiño entran as ocasións polas bandas a base de velocidade e centros ao corazón da área para que alí non perdoe Aythami, xogador que merece mención a parte. Ademais, se fai falta outra cousa, Alex Ares e Brais Abelenda poden dar máis físico ao ataque acompañados por Santi na media punta e o dianteiro canario.
É Aythami, sen dúbida, unha parte fundamental do ataque branquiazul. O nome do canario soou en numerosas ocasións nos altofalantes do Vero Boquete grazas ao seu bo facer de cara a gol. Logo dun arrinque un tanto lento, contra o Choco fixo o seu segundo gol na casa. Dende outubro e ata o de agora, 15 goles en 11 partidos quedando só sen ver o camiño á porta na derrota contra o Racing Vilalbés.
Pola súa parte, a defensa do Alavés B destaca pola súa fortaleza, algo que xa demostrou no partido de ida. Sen balón, o equipo babazorro é un perigo constante grazas ao seu bo facer atrás e, cos balóns en longo para Lupu, pode dar máis dunha dor de cabeza á zaga compostelanista, que podería estar formada por 4 xogadores, con Saro ou Sergio Pereira e Naveira nas bandas, ou ben por 3 centrais reforzando o xogo na zona de creación.

A segunda parte, exemplo a seguir.
Sen dúbida, a segunda metade da ida será o camiño a seguir este domingo. Despois dun primeiro tempo que puido chegar unha vantaxe superior ao equipo local, os nosos superaron as complicacións logo do paso por vestiarios. As chegadas sucedéronse contra unha defensa que non puido facer máis que salvar un empate merecido con Alex Ares coma peza máis importante nos segundos corenta e cinco minutos e Anxo salvando unha diferenza superior logo do gol de Lupu antes dos vinte minutos. 

Agora si, todos dispoñibles.
Despois da ausencia de Santi no partido de ida, no que non puido sequera viaxar por ter que presentarse no colexio electoral. Con isto, Yago terá que realizar dous descartes antes do xogo para realizar unha convocatoria final de 18 xogadores, mesmo número de pezas que poden estar dispoñibles na Segunda B, a diferenza da Terceira división. 

Festas da Ascensión. 
En plenas festas da Ascensión en Santiago, o Compos terá este primeiro domingo de xuño unha cita para a historia que dará comezo ás 17:45 horas coa convocatoria á afección para o recibimento ao equipo e darlle folgos na porta 1 do estadio. O encontro dará comezo ás 19:30 horas no Vero Boquete e as entradas, dispoñibles dende hai unha semana, poderán adquirirse tanto mañá coma o día do partido a un prezo de 5 euros para aboados, que terán que presentar o abono na porta do campo xunto coa entrada, e 10 euros para público xeral en Preferencia logo de esgotarse as entradas para Tribuna dispoñibles, para onde se poden adquirir entradas dende o pasado martes en diferentes locais da cidade. 
Por contra, para quen non poida asistir ao Vero Boquete, o partido poderá seguirse en directo a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Tamén se poderá escoitar en 'Esedé Radio' e verse en directo na TVG2 e pola web da CRTVG. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario