O sorteo da primeira rolda da fase de ascenso á Segunda B deixou un agasallo en Santiago en forma de filial. Un dos grupos, en principio, máis duros da categoría e un novo filial no camiño branquiazul de cara á categoría de bronce. Un rival, o Alavés B, que chega, ademais, da man dun vello coñecido da afección branquiazul que non é outro que Iñaki Alonso. O adestrador vasco, logo de pasar polo Lorca e o fútbol croata, tomou o mando do Xuvenil vitoriano para facerse cargo do filial no pasado mes de marzo deixando ao equipo terceiro non sen pasar por apuros durante o treito final do campionato.
Un filial nun grupo complicado.
No grupo 4 da Terceira, con equipos coma Portugalete ou Sestao River, o filial do Alavés non puido facer máis que aspirar á terceira posición. Unha praza que conseguiron sacar coa chegada do actual adestrador e, sobre todo, grazas ao gran traballo realizado nos partidos na casa, onde sacaron gran parte dos seus puntos.
Será alá, en Ibaia, onde teñan que buscar os nosos o primeiro resultado positivo nesta carreira cara á Segunda división B. Un campo de herba natural situado na cidade deportiva do Alavés e que non conta con bancadas. O horario, aínda sen confirmación oficial por parte de ningún clube.
Duro camiño para o resto.
O Racing de Ferrol, o que pode ter máis preto o ascenso, terá que enfrontarse ao Real Jaén coa ida na Malata. Pola súa parte, o Bergantiños viaxará esta fin de semana a Asturias para medirse co Covadonga mentres que o Alondras recibirá ao Mensajero canario, equipo ante o que xa gañaron os nosos na Copa do Rei.

Ningún comentario:
Publicar un comentario