O treito final do camiño

Chega o máis duro e, á vez, o máis emocionante. O Compos terá este domingo o seu primeiro obstáculo diante dun filial por segundo ano consecutivo. Nesta ocasión, o rival será o Alavés B que buscará medir as forzas contra os nosos na primeira eliminatoria xogando dende xa as súas cartas coa elección do campo onde se xogará e un horario que complica a viaxe a Vitoria dun grupo reducido, ante o escaso aforo dispoñible, de seareiros branquiazuis. Un primeiro partido a domicilio que seguro non será coma a visita á Cidade Deportiva Dani Jarque o pasado ano, onde os nosos caeron nesta mesma rolda por goleada contra outro filial da Primeira división


Poucos precedentes positivos.
Ao longo da presente tempada o Alavés B asinou resultados máis que positivos en Ibaia. Nun grupo sempre complicado coma é o vasco, os agora adestrados por Iñaki Alonso conseguiron pechar o curso nunha terceira posición que semella ser a primeira para os equipos do nivel da categoría, por debaixo de Portugalete e Sestao River. Unha posición que vén a demostrar o gran nivel do segundo equipo vitoriano, fonte do conxunto revelación da Primeira división.
Pechando de xeito matemático a terceira praza na derradeira xornada de liga, o filial alavesista asinou un total de 66 puntos. 18 vitorias e 12 empates para un dos equipos con menos derrotas da categoría, con só 8 enfrontamentos perdidos. O terceiro equipo con máis acerto de cara a gol con ata 69 tantos a favor mais, por contra, cunha defensa que deixou que desexar con 44 goles recibidos.
De Ibaia poucos puideron sacar algo positivo. Só 1 punto saiu dende o pasado mes de marzo mentres que, ao longo de todo o curso, só fuxiron 12 puntos en forma de triunfos de Balmaseda, Sestao e Lagun Onak mentres que Santurtzi, Pasaia e Amurrio non conseguiron pasar do empate. En canto aos goles, só quedaron sen ver portería en 3 citas, que remataron en 2 derrotas e 1 empate.
A nivel individual, durante o curso destacou a base de goles Andrei grazas aos 18 tantos asinados ao longo da tempada. Un equipo cunha media de idade por debaixo dos 22 anos e cun gran número de pezas chegadas ao equipo no pasado verán, logo dun pau na pasada promoción de ascenso.

Terceiro ano consecutivo.
O Alavés B xogará a súa terceira fase de ascenso consecutiva logo de non poder volver a unha categoría de bronce que deixou en 2006. De feito, pódeselle engadir unha edición máis na que non puideron pasar sequera da primeira rolda en 2014.
Alá por 2014, os vitorianos mediron forzas co Teruel. En Mendizorroza, o partido acabou con empate a un gol mentres que terras aragonesas foron os locais os que se levaron o triunfo deixando ao filial branquiazul fóra da loita á primeira. Algo máis de sorte, superando unha eliminatoria contra o Laredo, tiveron o pasado ano grazas a unha goleada en Ibaia que servía para superar a primeira fase e enfrontarse na segunda ao Cádiz B, equipo que si foi quen de gañar en terras vascas.
A mellor promoción de ascenso, quedando ás portas da Segunda B, chegou para os alaveses hai dous anos. Caeron na fase de campións contra o Formentera e os penaltis apareceron tanto na semifinal, onde superou ao Cristo Atlético de Palencia coma na Final, perdendo dende os once metros contra o Ontinyent.
Pola nosa parte, o Compos será a segunda vez consecutiva que busque volver á Segunda división B e segunda na que se enfronte a un filial na primeira rolda. O Espanyol B foi o primeiro obstáculo dos nosos empatando no Vero Boquete e gañando en terras catalás. A segunda visita á provincia de Barcelona chegou co Terrassa caendo de novo a domicilio e goleando na casa. Non obstante, a rolda máis importante foi a final na que a Esedé empatou en Salamanca e caeu, nun partido moi igualado e físico, en Santiago dando o ascenso aos castelán leoneses.

Un precedente contra o filial.
Os enfrontamentos entre santiagueses e vitorianos sucedéronse entre a Segunda B e a Copa do Rei. Primeiro equipo e filial mediron forzas cos nosos cun resultados que non son todo o bos que podería gustar na capital galega. Pero, como se di, as estadísticas están para rachalas.
Contra o filial babazorro, na tempada 2001/02, repetiuse o resultado tanto no Vero Boquete, onde os nosos gañaron por 3-1 con goles de Arquero por partida dobre e Juanito, coma en Ibaia, onde os alavesistas non deixaron opción asinando outro 3-1, onde Sergio Gómez fixo o gol branquiazul.
Por outro lado, contra o primeiro equipo do Alavés os precedentes non deixan tan bos recordos. E é que, malia quedarse preto, os nosos nunca gañaron dito enfrontamento nin en Santiago, Santa Isabel e San Lázaro, nin en Mendizorroza, onde nin sequera se puido sacar ningún resultado positivo encaixando algunha que outra goleada.

Despedidas diferentes.
Compos e Alavés B pecharon a tempada regular de maneiras moi diferentes. Unha vitoria e unha derrota que, non obstante, non cambiaron as súas posicións na táboa, cos dous equipos xa clasificados matematicamente para esta fase de ascenso.
O Compos puxo punto e final á liga no Couto. Un Ourense CF que non puido facer realidade o seu soño de chegar ata aquí, conseguiu ganar un enfrontamento no que os nosos non saíron a por todas coa única intención de chegar a este treito final do curso con todos os xogadores dispoñibles e listos para o máis duro.
Pola súa parte, o Alavés B non podía arriscar a perder o partido e, con el, o terceiro posto. Contra o Bermeo, o filial alavesista gañou pola mínima grazas aos goles de Héctor e Bengo. Nos locais non perdoou Ispizua xa sen opcións de conseguir un resultado positivo para un equipo que estará a vindeira tempada unha categoría por debaixo.

Preparación en sintético.
Cinco adestramentos ao longo da semana e unha curiosidade. O Compos adestra catro veces no anexo do Vero Boquete mentres que o sábado o fará, antes de viaxar cara Vitoria, en Santa Isabel. Un adestramento en herba artificial para preparar a posibilidade de xogar unha vez máis nun terreo sintético. 
Con catro campos na cidade deportiva vitoriana, existe a posibilidade de que o partido se xogue en campo de herba artificial. Non obstante, non sería nin de lonxe a primeira vez que a Esedé teña que traballar este ano nun terreo no que non se lle deron de todo ben as cousas, sobre todo nos últimos meses. De feito, 4 dos 8 enfrontamentos dos nosos remataron con triunfo branquiazul con só 1 neste 2019.
O Silvestre Carrillo de La Palma, O Morrazo e A Porta Santa viron aos nosos gañando na primeira volta, non sen problemas, nun campo moi diferente ao que están acostumados os homes de Yago Iglesias mentres que se conseguiu o propio na Grela na segunda volta. Tamén neste 2019 chegaron os dous empates, na Cheda contra o Lugo B e nas Eiroas, sufrindo un gol en contra no treito final, e as dúas derrotas, dolorosas cun xogo pobre dos nosos en Santa Mariña e o Municipal de Laracha.

Todos á disposición de Yago.
Ao igual que na visita a Ourense, Yago terá á súa disposición aos 20 xogadores. Ademais, non conta con apercibidos de sanción que poidan perigar para o partido de volta xa que, rematada a liga púxose o contador a cero. Neste caso, as sancións chegarán despois de dous cartóns amarelos nos seguintes seis partidos, sempre e cando consigamos un posto na gran final.

O Alavés mete o primeiro gol.
Co campo e o horario do encontro da ida, o Alavés xa meteu o primeiro gol. O partido xogarase na Cidade Deportiva José Luis Compañón, en Ibaia, nun campo que aínda se descoñece se será de herba natural ou artificial, sen bancadas e cun aforo moi limitado, algo que complicará moito a presenza de afeccionados branquiazuis. Outra cousa que complica a presenza de seareiros é o horario. Dará comezo este domingo ás 12 horas obrigando á saída de afeccionados, xa sen viaxe organizada polo clube por falta de xente, o día anterior ou ben pasando a noite na estrada. As entradas, que só se poderán adquirir nas oficinas do Vero Boquete, terán un prezo de 10 euros e só haberá dispoñibles un total de 100. 
Para quen non poida asistir ao encontro, poderase seguir a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Ademais, non haberá televisión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario