Por segundo ano consecutivo, o Compos chega á promoción cunha derrota no peto coa que pechar o curso regular. Un partido sen moito conto por parte dos nosos, no que se limitaron a intentar non caer mancados nun campo histórico, e contra un Ourense CF que buscou a cuarta posición ata o final, facéndose cun triunfo que, por outro lado, foi insuficiente coa vitoria do Alondras nas Eiroas tamén pola mínima. Non obstante, a nota negativa non foi a derrota senón a retirada de Alex Ares mancado e as molestias de Miki durante gran parte do xogo. O único gol, obra de Raly Cabral.
Igualdade máxima.
O primeiro tempo non deixou grandes cousas que destacar. Moita igualdade entre dous equipos que en corenta e cinco minutos non foron quen de levar perigo a ningunha das dúas porterías, con moito xogo no centro do campo. A iso hai que engadir que a tensión foi en aumento co Ourense sabedor de que os tres puntos lle poderían abrir as portas da promoción de ascenso á Segunda B.
Pensando na vindeira fin de semana.
Pensando xa no que se ven no futuro máis próximo, os homes de Yago Iglesias xogaron cunha marcha menos, sen conseguir efectuar o seu xogo e con Miki un tanto tocado. Ademais, os trocos non tardaron en chegar realizándose os tres en cuestión de nove minutos e con Alex Ares retirándose do terreo de xogo lesionado, algo que todo o compostelanismo agarda que quede en nada.
O Ourense foi de menos a máis, aumentando a intensidade do xogo ata conseguir, a dous minutos para o final e sen dar tempo para a reacción aos nosos, que xa non intentaron buscar o gol do empate. Un gol, o de Raly Cabral que tivo como asistente un asistente xa moi coñecido, e querido, pola afección branquiazul. Róber, que xa fixo un gol na primeira volta, colaborou de novo coa vitoria dos seus de cheo cun novo gran pase.
Agora, os nosos terán que esperar ao sorteo do luns pola tarde para coñecer ao rival co que medir forzas a vindeira fin de semana, aínda sen coñecerse tampouco onde se celebrará cada xogo.
ALIÑACIÓN: Anxo; Sergio Pereira, Chechu, Uña, Naveira; Samu, Remeseiro; Alex Ares (Mon, min. 69), Brais Abelenda (Rubén, min. 58), Miki; e Aythami (Santi, min. 58).
CARTÓNS: Amarelos para Brais Abelenda e Mon.
GOLES: 1-0 88' Raly Cabral.
CAMPO: O Couto.

Ningún comentario:
Publicar un comentario