Sen tempo para pensar

Chega o momento máis importante do campionato. Logo de dúas derrotas, perdendo as boas sensacións, o equipo buscará na Senra volver ao camiño do bo xogo e da vitoria. Diante, un Ribadumia que quere esgotar ata ao final as súas opcións de manter a categoría estando, a día de hoxe e dependendo de terceiros, a catro puntos dos postos de permanencia con nove aínda por xogarse. Un partido entre dous equipos necesitados de vitorias neste treito final do campionato con moito aínda por decidirse. 


Última bala. 
O Ribadumia quere poñer punto e final ao campionato cunha nova permanencia na Terceira galega por quinto ano consecutivo. Non obstante, o conxunto sanxenxino pasa polo seu peor momento dende que chegaron á categoría alá polo ano 2014. Con pé e medio na Preferente, están obrigados a sumar de tres este domingo se queren seguir pelexando un ano máis na máxima división do fútbol galego. 
Ocupando a 18ª praza da clasificación con 35 puntos noutras tantas xornadas, pelexan por ocupar o posto que arestora é do Laracha, unha posición que daría a permanencia de haber algún ascenso galego á Segunda B e sempre e cando non descenda o Rápido de Bouzas, obrigando así a que haxa dous ascensos evitando así arrastres máis alá do do Laracha, segundo filial do Deportivo. Un equipo que só puido gañar en 8 ocasións, gran parte na casa, mentres que no capítulo de empates trátase do cadro que máis veces repartíu os puntos, cun total de 11 igualadas. En canto a goles, sumaron a día de hoxe un total de 37 mentres que encaixaron 60 sendo o cuarto equipo que máis recibe. 
No capítulo da Senra, os resultados son algo máis positivos. 23 puntos en 17 enfrontamentos grazas a 6 vitorias e 5 empates caendo equipos coma o Barco ou o Choco e no que o Bergantiños non puido pasar do empate. Un campo no que sempre houbo goles, no que non hai un empate a cero dende hai ano e medio. 
A nivel individual, contan cun bo equipo dende a portería, cuberta con Pazos e Ángel, que apunta titular, e rematando nunha dianteira con grandes xogadores do fútbol galego coma Hugo Soto, que será baixa por sanción, e Fran Fandiño, que tivo que retirarse mancado no partido contra o Paiosaco. Ademais, nas filas do cadro ribadumiense está o ex futbolista branquiazul Tomás Abelleira, que non gozou de sorte na primeira volta no Ourense CF e, dende xaneiro, busca a súa oportunidade nas filas do Ribadumia, onde fixo dous goles ata o momento gozando de minutos en todos os partidos da segunda volta, agás do que tivo que perderse por sanción. 

Promoción e descenso. 
Na Senra os dous equipos pelexarán por algo moi importante. Dous obxectivos que pasan pola vitoria e que, de conseguilo un dos dous, poderían deixar ao outro moi tocado ou, no caso dos locais, descendido. Un partido que, por ese motivo, aumenta a emoción e a importancia do xogo entre o terceiro e o antepenúltimo. 
Despois de dúas derrotas, o Compos quere pechar de xeito matemático a súa clasificación para a promoción de ascenso. Fóra da pelexa pola primeira praza e sen case opcións de ser segundo, algo que pasa por gañar todo e que o Bergantiños non puntúe de aquí ao final da liga, o obxectivo pasa a ser o de asegurar a terceira posición. E con 4 puntos máis ca o Alondras, o primeiro obxectivo e deixar fóra desta pelexa aos principais perseguidores. Para iso, haberá que sumar tres puntos de aquí ao final. 
Pola súa parte, o Ribadumia chama á milagre. Catro puntos os separan do Laracha, equipo que marca a permanencia. Un obxectivo, o da salvación, que non puideron conseguir nin Porriño Industrial nin Boiro, descendido o pasado mércores, e que podería rematar para os do Salnés se non consiguen os tres puntos e si o fai o conxunto larachés. 

Un mal momento no peor momento. 
Por terceira vez neste curso, o Compos suma dúas derrotas consecutivas. Non obstante, a peor xeira da segunda volta chega no peor momento con problemas para realizar o xogo habitual que o levou ao máis alto e grandes problemas para facer goles lonxe do Vero Boquete. É así que, ademais da derrota fronte ao Racing Vilalbés, hai que sumar outras 4 das últimas 5 saídas nas que non foron quen de puntuar marcando só 1 gol. Ao anterior hai que engadir que os nosos só fixeron 4 dos últimos 18 puntos a domicilio este curso. 
As derrotas en Santiago contra os chairegos e no Municipal de Laracha serviron para demostrar serios problemas á hora de facer un bo xogo. Contra os vilalbeses, o primeiro tempo mantivo o guión do feito en terras carballesas mentres que o segundo, por debaixo no marcador, serviu para mellorar mais sen a fortuna suficiente para sacar algo positivo. 
A mesma sorte apartou ao Ribadumia de rematar cunha xeira de 10 saídas sen perder. A visita dos homes de Luis Carro á Porta Santa deixou un triunfo importante para un Paiosaco que se achega un pouco máis á permanencia. Tres goles locais, con dous erros graves, e as expulsións de Javi Domingo e Hugo Soto, ás que engadir a lesión de Fran Fandiño, deixan un moi mal recordo do enfrontamento. 

Precedentes favorables. 
Compos e Ribadumia veñen enfrontándose cada curso nos tres últimos anos con Yago Iglesias como gañador total no banco. E é que de 5 precedentes, os nosos non se deixaron ningún punto nin no Vero Boquete nin tampouco na Senra, onde, aínda con dificultades, sacaron os puntos de partidos cheos de emoción.
Imos ao 2017. En xaneiro, na segunda xornada da segunda volta do campionato, Diego Rey fixo o primeiro gol branquiazul ao filo do tempo de lecer. Unha boa vantaxe coa que se chegou ao treito final, cando Tomás asinou o segundo xa sen tempo posible para reaccionar os locais.
Mesmo ano pero na segunda xornada do campionato seguinte. Nova visita dos de Yago Iglesias á Senra e aínda máis problemas para gañar nun xogo no que se chegou ao tempo de lecer sen goles. No segundo tempo, Rubén e Primo non precisaron máis de cinco minutos para poñer unha boa vantaxe que entre Santi e Hugo Soto conseguiron igualar en menos tempo. Non obstante, a tolemia foi a máis co gol de Mon e a resposta inmediata de Fran Fandiño deixando seis goles en algo máis de vinte minutos. A sentenza, con só cinco minutos para o final do xogo, chegou cun gol de Róber pechando unha vitoria pola mínima nun enfrontamento con ata sete goles en corenta minutos. 

Samu, baixa importante.
Samu segue sen poder estar a disposición do adestrador ribeirense sendo a única baixa para este partido. Por outro lado, Piscu e Alex Ares, que xogaron con molestias contra o Vilalbés, poderían estar sen problemas na Senra nun partido moi importante para este final do campionato permitindo pensar xa na promoción de ascenso. 

Todos xuntos. 
Neste momento tan complicado, clube e afección deben estar xuntos para levar ao equipo á Segunda división B. O primeiro paso é estar ao lado dos xogadores este domingo na Senra. En Ribadumia, na Senra, o enfrontamento dará comezo ás 19 horas pechando a xornada 36. As entradas terán un prezo de 10 euros. 
Por contra, para quen non poida achegarse ao pobo do Salnés, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Ademais poderá verse a través da segunda canle da TVG no Carrusel da Terceira do En Xogo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario