Obxectivo cumprido!

Non sen complicación, o Compos asinou a súa presenza na promoción de ascenso que dará comezo en tres semanas con, ademais, o terceiro posto asegurado. Chegou nun partido completo, con goles, bo fútbol e, sobre todo, polémica co colexiado López Parga tomando un gran protagonismo. Aythami, que fixo un grandísimo primeiro tempo e foi expulsado no segundo, anotou o primeiro gol e asistiu no segundo, obra de Miki. Pola súa parte, Cerqueiras fixo o gol do Ribadumia, insuficiente para levar algún punto mais, co resto de resultados, poden seguir vivos na competición. 


Primeiro tempo branquiazul. 
Obrigados a gañar para certificar a presenza na promoción, os de Yago Iglesias saltaron ao terreo de xogo cunha intensidade que quedou demostrada nos primeiros vinte minutos. E nada o demostra mellor que o balón de Brais Abelenda en profundidade, o control de Aythami e a definición do canario no man a man. Cinco minutos e o Compos por diante a domicilio por primeira vez case dous meses despois con gol do ex do Las Palmas lonxe do Vero Boquete dous meses e medio despois. 
Co gol, a cousa mellorou aínda máis para os nosos. Aythami a piques estivo de facer o segundo mentres que Miki, antes dos vinte minutos, finalizou á perfección unha contra que comezou logo dunha falta de Mon. A contra, na que tivo que intervir o dianteiro canario gañando un balón dividido a un defensa, pechouse cun gran man a man de Miki completando así unha boa semana no persoal con dous tantos no seu casilleiro. 
Moito por diante e Roberto Pazos convertiuse nun dos principais protagonistas do encontro evitando, ata o tempo de lecer, unha goleada maior con ata dúas intervencións de moito mérito cando todo apuntaba ao aumento de diferenza no resultado. 

E chegaron os problemas. 
Despois dun mal primeiro tempo, o Ribadumia saiu ao segundo buscando remontar o encontro, algo que non puideron conseguir malia baixar a intensidade un Compos que rematou case pedindo a hora. A iso hai que engadir os cartóns por protestar, un deles para Aythami, e a expulsión do canario aos dez minutos que deixou ao equipo moi tocado. 
Con dez, o gol en contra non tardou en chegar. Cerqueiras conseguiu materializar, despois dun rexeite, a mellor oportunidade para os locais dando vida ao equipo con aínda media hora por diante. Non obstante, esa vida extra non foi suficiente para sorprender a unha Esedé que puido ter o terceiro primeiro nas botas de Remeseiro, cuxo disparo petou no pau, e nas de Santi, que non foi quen de aproveitar o rexeite. 
Finalmente, e malia contar cunha boa oportunidade nos intres finais, os ribadumienses non puideron anotar o empate pechando así o Compos a súa clasificación para a promoción a falta de dúas xornadas e os locais quedando case sen opcións de pelexar por seguir na categoría. 

Agora, sen nada polo que xogar, o equipo terá os enfrontamentos diante de Somozas e Ourense CF para preparar a promoción de ascenso.

ALIÑACIÓN: Anxo; Sergio Pereira, Casas, Piscu, Naveira; Mon (Josiño, min. 92), Remeseiro; Miki, Alex Ares (Santi, min. 72), Brais Abelenda (Uña, min. 78); e Aythami. 
CARTÓNS: Amarelos para Mon, Casas, Remeseiro, Alex Ares e Naveira. Expulsados Aythami por dobre amoestación e Manuel Castiñeiras.
GOLES: 0-1 5' Aythami, 0-2 19' Miki, 1-2 62' Cerqueiras.
CAMPO: A Senra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario