O Compos encadeou a súa segunda derrota consecutiva deixando unhas sensacións un tanto mellorables. O Racing Vilalbés, que saltou ao terreo de xogo cun plantexamento moi marcado, fixo valer o seu fútbol para confirmarse coma o mellor equipo desta segunda metade do campionato. Un partido que deixa aos nosos tocados tanto de ánimos coma na clasificación, na que pasará de pelexar polo primeiro posto a facelo para asegurar o terceiro mentres que a clasificación matemática para a promoción podería pecharse de gañar este domingo de superar ao Ribadumia.
Un primeiro tempo para esquecer.
Os primeiros corenta e cinco minutos dos nosos sobre o verde do Vero Boquete mantiveron o guión do partido de Laracha. Sen ideas para superar as liñas chairegas, moi xuntas e sen fisuras, os de Yago Iglesias pasaron todo o primeiro tempo sen poñer en problemas ao gardamallas visitante antes do tempo de lecer.
Un primeiro tempo que non gozou de ocasións de perigo e que se tivo que parar durante uns minutos por mor do vento, que causou a caída das vallas publicitarias. Un feito que serviu para frear aínda máis o partido e logo da cal, na reanudación, chegou o gol vilalbés. Un tanto que comezou nunha xogada a balón parado, un rexeite que lle chega a Villares e este non o dubida para, dende a frontal, poñer a pelota lonxe do alcance de Anxo.
Reacción insuficiente.
O paso por vestiarios supuxo unha mellora importante, aínda que insuficiente, dos branquiazuis. As ocasións sucedéronse na área chegando boa parte delas pola banda esquerda con Naveira, Brais Abelenda e Remeseiro coma os principais buscadores dunha boa ocasión que chegou aos vinte minutos. Un gol de Miki Villar chegando dende atrás a centro de Naveira que poñía a merecida igualdade no luminoso.
Unificando de novo liñas e mellorando en defensa, os lugueses non quixeron arriscar e poder saír de Santiago con algo positivo. A superioridade compostelanista foi case total mais non houbo sorte de cara a porta, algo co que si contaron os visitantes. Unha sorte que, acompañada dunha mala defensa nas xogadas a balón parado, levou ao segundo gol vilalbés obra de Xusto logo dun córner.
Aythami, incapaz de ver portería.
Despois de nove citas consecutivas na casa, Aythami quedou sen ver portería. Contra unha forte defensa formada por cinco homes e sen ocos nin erros, o canario case non tivo opcións de buscar o camiño do gol. Moi ben cuberto tivo a súa mellor ocasión no comezo do segundo tempo perdoando o que sería o gol do empate cun testarazo que saiu fóra por moi pouco.
Agora, os nosos buscarán na Senra a clasificación matemática para a promoción así como encamiñar a terceira praza do campionato quedando xa sen opcións de ser campión e con moi escasas para ser segundo, quedando o Bergantiños a seis puntos.
ALIÑACIÓN: Anxo; Sergio Pereira (Santi, min. 73), Casas, Piscu, Naveira; Mon, Remeseiro (Rubén, min. 81); Josiño (Miki, min. 56), Alex Ares, Brais Abelenda; e Aythami.
CARTÓNS: Amarelos para Sergio Pereira e Piscu.
GOLES: 0-1 42' Villares, 1-1 65' Miki, 1-2 72' Xusto.
CAMPO: Vero Boquete de San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario