Chega o fin da tempada regular. O último partido do curso no que os nosos non se xogarán nada. Ás portas dunha promoción de ascenso ilusionante, a Esedé terá que conquistar, por segunda vez este curso, O Couto. Diante estará un dos catro equipos que aínda quere pelexar pola cuarta posición na derradeira xornada, un Ourense CF que está a facer unha segunda volta para enmarcar conseguindo meterse no máis alto da táboa no momento máis axeitado.
Un obxectivo aínda posible.
O Ourense CF está a facer unha gran tempada, a mellor da súa historia, situándose na sexta praza a falta dunha xornada con só un punto menos que un Alondras que depende de si mesmo para pelexar, por segundo ano consecutivo, polo ascenso de categoría. Un equipo que foi de menos a máis con xogadores moi importantes na Terceira galega e que superou, con moita diferenza, o feito nunha primeira volta na que quedaron en terra de ninguén, moi lonxe da situación actual.
Sextos con 61 puntos, os homes de Fran Justo conseguiron xa máis puntos nesta segunda metade do campionato converténdose nun dos rivais máis duros do grupo, algo que xa deixaron claro na súa visita ao Vero Boquete na xornada que inauguraba o 2019. 17 triunfos, superando aos equipos punteiros da categoría agás o Racing de Ferrol a asestando a maior goleada do curso con ata oito goles de diferenza contra o Céltiga no Salvador Otero, e 10 empates, entrando teste caso o cadro verde, aos que engadir outras 10 derrotas, caendo pola mínima sempre agás diante do Racing Vilalbés no Couto. Uns datos que se completan cun total de 50 goles a favor mentres que recibiron un total de 24, cifra que demostra que contan coa mellor defensa do campionato.
Un equipo moi forte a domicilio, conseguindo boa parte dos seus puntos lonxe do Couto, e que buscará pechar o curso cunha vitoria na casa, onde fixo 26 puntos. Polo Couto pasaron xa todos os equipos agás o Compos e só 6 equipos puideron marchar coa vitoria asinando a súa última caída na casa hai case dous meses, cando o Racing Vilalbés conquistou o campo ourensán. Por outro lado, 5 conseguiron sacar un punto repetíndose o 1-1 e o xogo sen goles ata en dúas ocasións cada un. No positivo, conseguiron un total de 7 triunfos, 5 deles nesta segunda volta e un menos de xeito consecutivo.
A nivel individual, hai que ter moi en conta ao gardamallas Diego García, que encaixou 6 goles en toda a segunda volta, así como a defensa ourensá. Non obstante, tamén fan falta goles e aí aparecen Raly Cabral con 9 goles no seu casilleiro e o ex branquiazul Róber con 8.
Un 2019 de ensoño.
Despois de case tres semanas de parón, a primeira volta puxo punto e final no Vero Boquete nun enfrontamento que medía as forzas de Compos e Ourense CF. Un partido que chegou ao tempo de lecer con vitoria local e que rematou cunha remontada importante para os visitantes. Unha vitoria que inauguraba un ano para o recordo dos de Fran Justo. Despois, unha serie de empates e só 1 derrota ata marzo, cando houbo un cambio de dinámica moi importante que o deixa, a día de hoxe, con 8 triunfos consecutivos recibindo neste tempo só 1 gol en contra, a pasada fin de semana na Porta Santa.
Malia non sumar unha xeira tan importante, os de Yago Iglesias chegan xa co obxectivo de clasificarse para a promoción máis que conseguido, asinado no partido da Senra contra o Ribadumia. Isto chegou logo dun segundo tempo no que, a domicilio, complicáronse as cousas máis do esperado con só 4 triunfos e 2 empates lonxe do Vero Boquete. Ao anterior hai que engadir que os nosos só anotaron 5 goles nas últimas 6 saídas.
Un campo sempre difícil.
Por segunda vez na historia, Compos e Ourense CF pelexarán pola vitoria en liga na cidade das Burgas. Un campo onde os nosos xa puideron gañar nesta segunda volta fronte ao outro equipo da cidade e no que o pasado ano non puideron pasar do empate.
Ata tres equipos recibiron á Esedé no Couto nestes últimos anos. O CD Ourense, equipo histórico da cidade, recibiu aos nosos nun total de 15 ocasións. Só 1 o fixeron UD Ourense e Ourense CF con resultados un tanto negativos para os nosos xa que só puideron saír do feudo ourensán con 4 vitorias e 3 empates mentres que outras 10 citas remataron con triunfo local, todas elas conseguidas polo equipo xa extinto.
Esta tempada, a visita á UD Ourense rematou con triunfo branquiazul grazas aos goles de Brais Abelenda e Rubén, ambos os dous no treito final de cada tempo. Por outro lado, a última visita ao Ourense CF, o pasado curso, rematou con empate grazas aos goles de Edu Otero para os locais e Alex Ares para os nosos.
Unha xornada positiva.
A Esedé pechou a parte regular na casa cun triunfo contra o Somozas que, a parte dos tres puntos, deixou unhas moi boas sensacións malia as rotacións feitas por Yago. Unha actuación sobresaínte de Miki, con ata tres asistencias, e os goles de Rubén, por partida dobre, e Santi serviron para darlle un triunfo a un equipo que chegará á promoción de ascenso nun gran momento.
Máis problemas para conseguir tres puntos de ouro tivo o Ourense CF na Porta Santa contra o Paiosaco. Raly Cabral inaugurou a conta nos primeiros intres do primeiro tempo mentres que Josiño, a quince minutos para o final, asinou o tanto que daba a igualada aos locais. Non obstante, Iago Beceiro non quixo perder a oportunidade de manter as opcións dos ourensáns por entrar na promoción facendo o que podería ser un dos goles máis importantes da historia do clube.
Mirando a terceiros.
Co traballo rematado, os de Yago Iglesias terán que ir mirando cara os outros grupos para coñecer ao posible rival contra o que se medirá a seguinte fin de semana na primeira rolda da promoción de ascenso. Unha lista de 17 posibles rivais e entre os que só se coñecen, a falta dunha xornada, 3 equipos confirmados.
Por outro lado, o Ourense CF depende doutros partidos para poder pechar o curso na cuarta posición. Para facerse con ese premio, nin Alondras, nas Eiroas fronte a un Bergantiños xa sen nada polo que pelexar, nin tampouco o Barco, que visitará Espiñedo contra o Arenteiro tamén xa salvado. Os empates dos dous equipos xunto coa vitoria dos ourensáns os clasificaría para a promoción.
Todos dispoñibles.
Por raro que pareza, e se nada sae mal de aquí ao domingo, Yago Iglesias terá á súa disposición a todo o equipo para a visita ao Couto. Unha cita importante para mellorar as sensacións de cara á parte máis dura e importante do curso. Non obstante, Álvaro Casas podería ter en perigo a súa presenza na ida da primeira eliminatoria de ver un cartón amarelo este domingo, xa que chega apercibido de sanción.
Tingamos O Couto.
O Couto abrirá as súas portas para acoller o derradeiro partido de liga este domingo ás 18 horas, de novo en horario unificado. Un partido onde haberá moito en xogo e a oportunidade perfecta para dar o último alento aos nosos antes da promoción. Para isto, as entradas terán un prezo de 10 euros para os afeccionados branquiazuis que se despracen ata a cidade termal.
Por outro lado, para quen non poida asistir á derradeira cita do curso regular, poderase seguir o encontro a través das diferentes redes sociais tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario