O Compos rematou o seu último partido no Vero Boquete de San Lázaro cun gran resultado, moi bo xogo e unhas boas sensacións xogando con pezas pouco habituais nos onces titulares. Alberto, que se estreou de inicio, onde se puido ver unha defensa de tres e no que, ante a ausencia de Aythami, Rubén e Santi asinaron os goles. Ao anterior hai que engadir a estrea de Pedro Leis en partido oficial co primeiro equipo e a case inmellorable actuación de Miki agasallando aos seus compañeiros con tres asistencias. Diante, un Somozas que non amosou a súa mellor versión deixando moitas dúbidas de cara á derradeira xornada, na que se xogará ese posto que pode dar opción ao descenso por arrastre co Paiosaco.
Gran primeiro tempo.
Sol, calor, bo fútbol e goles, sobre todo nun primeiro tempo que comezou do mellor xeito posible. Cando aínda había xente que non ocupara o seu sitio nunha bancada un tanto baleira, Manu Cedrón xa tivo que traballar duro. O ex gardamallas da Esedé tivo que evitar unha dobre ocasión de David Uña e Chechu con só dous minutos. Ese arrinque mantívose para dar a primeira ledicia á afección cunha carreira imparable de Miki pola banda, entra na área e asiste para Rubén, que abriu a lata xa co porteiro batido.
Un novo aviso branquiazul serviu para esperar a un Somozas que non tivo o seu día. Luis Nuño aproveitou un erro na frontal para roubar o esférico e asistir a Alex, que non perdoou contra Lorenzo no man a man asinando un empate que pouco duraría no luminoso. E é que, entre paróns por unha lesión nun defensa visitante, chegaron novas oportunidades e un novo gol que devolvía a superioridade no marcador aos nosos.
Mesmos protagonistas e mesmo guión. Miki aparece pola banda dereita do ataque branquiazul, entra na área e cun pase atrás deixa de novo a Rubén coa pelota e a portería sen gardamallas para só ter que empurrar o esférico devolvendo a diferenza. Un gol igual ao primeiro que deixou aínda mellor situado ao noso equipo.
Contra un Somozas que non deixou nin moito menos as sensacións da primeira volta, a sentenza chegou aínda nos primeiros corenta e cinco minutos. De novo Miki entrando pola banda e neste caso a súa asistencia chega aos pés de Santi, que transformou a súa mellor ocasión para aumentar diferenzas e poñer os dous díxitos nos seus rexistros este curso regular.
Segundo tempo sen historia.
Co resultado favorable aos nosos e co Somozas sen ideas, a segunda metade non contou case con ocasións. O xogo controlado polos nosos, no que non houbo traballo para Lorenzo e nunha segunda metade na que se puido vivir a estrea de Pedro Leis e a volta de Gonzalo á que foi a súa casa como puntos máis importantes logo do paso por vestiarios.
Agora o noso equipo terá que visitar O Couto para despedir a tempada regular e pensar xa de cheo na promoción de ascenso. Unha nova cita para probar cousas novas e demostrar o nivel deste equipo contra un Ourense CF que se xogará estar na promoción de ascenso acompañando aos nosos, Bergantiños e un Racing de Ferrol que xa é campión de liga.

Ningún comentario:
Publicar un comentario