É o momento

Último partido de liga no Vero Boquete, penúltima xornada do campionato regular e o obxectivo xa cumprido. Chega o momento máis esperado e, sobre todo, máis importante. O momento onde afección e equipo teñen que ser un nestas portas da promoción de ascenso. Nada en xogo por parte dos nosos pero todo o contrario para un Somozas que aínda non é quen de pechar a súa permanencia na Terceira división, pasando por serios problemas e, a día de hoxe, ocupando unha desas posicións coas que depender doutros equipos para non volver a unha categoría que deixou hai once anos.


Moi preto do inferno.
En 2008, o Somozas conseguiu volver á Terceira división nove anos despois de descender. Un gran regreso que convertiu máis cedo que tarde ao equipo nun dos grandes da categoría. Cinco anos entre a zona media da clasificación e un curso ás portas da promoción para, en 2014, asinar o mellor curso da súa historia quedando campións de grupo e ascendendo á Segunda B, na que coincidiría cos nosos, logo de superar ao Tenerife B na final da promoción. Agora, despois de tres anos na categoría de bronce e case dous na Terceira, o equipo loita por non caer aos infernos da Preferente.
Con 43 puntos, ocupan a 16ª posición da táboa, un posto que despois do descenso do Fabril e moi posiblemente o do Rápido de Bouzas podería converterse nun dos que rematen en descenso de categoría, dependendo sempre dalgún ascenso para evitalo. Un posto ao que chegan despois de 11 vitorias e 10 empates conseguindo as mellores goleadas contra Racing e Compos, ámbalas dúas na primeira volta. Ademais, 15 derrotas para un equipo que anotou 43 goles e encaixou 49.
Se no Candocia conseguiron derrotar aos grandes, a domicilio quedaron ás portas de conseguir bos resultados. 4 triunfos diante de equipos da zona baixa da clasificación conseguindo a última hai xa tres meses, e 7 empates que se completan con outras 7 derrotas encaixando as peores, con tres goles de diferenza, no Couto contra o Ourense CF e na Grela hai só semana e media.
A nivel individual, un ano máis destaca a figura de Gerardo. O dianteiro asturiano volve a ser o referente no ataque somocense con 11 goles ata o momento, cifra que poderá aumentar na derradeira xornada xa que non poderá estar no Vero Boquete por sanción. Situado algo máis atrás, unha peza importante con pasado branquiazul e que segue a dar leccións de fútbol na Terceira división. Gonzalo, titular indiscutible chegando aos 3.000 minutos de xogo.

Nada e moito.
Un partido importante para recuperar as boas sensacións nos nosos e para manterse con vida nos somocenses a falta dunha xornada de liga. Co terceiro posto asegurado e sen opcións de mellorar, os de Yago Iglesias buscarán pechar a derradeira cita como local no campionato regular. Por outro lado, os da Ferrolterra terán que evitar o perigo diante dos nosos e, no encontro final, fronte a un Arosa case sen opcións de asaltar o cuarto posto. A parte, como xa é sabido, a perda de categoría dependería de diferentes factores. 

Moita igualdade.
Compos e Somozas comparten categoría por sexto ano ao longo da historia. Dende que en 2008 os nosos visitaran Pardiñas por primeira vez na historia en partido de liga, a Terceira e a Segunda división B viron xogos importantes nos que os nosos conseguiron un total de 5 vitorias mentres que os verdibrancos só 2, unha en cada campo. 
En Santiago, xogando sempre no Vero Boquete, os nosos só permitiron saír 4 puntos en forma de 1 vitoria somocense grazas a un único gol de Antón De Vicente e 1 empate con goles de Joselu para os nosos e de Carlos García para os visitantes xa no tempo engadido. 
En canto á primeira volta, o enfrontamento rematou coa maior vantaxe a prol dos homes de Manolo García. Gerardo, ausente este domingo, e Alex Ares marcaron no primeiro tempo mentres que, no segundo, Alex e Daniel aproveitaron os erros defensivos dos nosos para devolver a vitoria ao equipo que superou por primeira vez ao Compos no Candocia. 

Xornada chave.
A pasada fin de semana os dous equipos tiñan unha xornada chave que saldaron de maneiras moi diferentes. E é que os nosos pecharon o seu primeiro obxectivo do curso mentres que os somocenses caeron contra un rival directo na casa nunha cita na que contaban coa posibilidade de deixar a súa salvación practicamente asegurada. 
Despois de dúas derrotas, o Compos fixo un gran primeiro tempo na Senra para deixar sen opcións a un Ribadumia que buscará unha milagre para salvar a categoría. Un gol de Aythami e outro de Miki foron suficientes para matar un xogo no que os visitantes recurtaron diferenzas cun tanto de Rubén Cerqueiras.
Por outro lado, o Somozas chegou ao tempo de lecer por diante no marcador contra o Paiosaco grazas a un gol de Joseja. Josiño e Eloy, por partida dobre, conseguiron remontar o partido no segundo tempo co último gol xa no engadido sen opcións para os locais. Un triunfo que deixa moi ben situado aos laracheses. 

Aythami, un partido fóra. 
Chega o momento de poder facer rotacións e facer chegar en forma á promoción a todo o equipo. Sen nada polo que loitar máis que por dar unha boa imaxe, Yago Iglesias contará con só unha baixa importante: a de Aythami. O dianteiro canario foi expulsado na Senra por dobre amoestación e terá que estar unha fin de semana vendo ao equipo dende a bancada. Con el estará tamén Manuel Castiñeiras, que foi tamén expulsado por protestar e non poderá estar no banco nos seguintes 5 partidos. Por outro, Samu xa está recuperado e poderá volver ao verde mentres que Álvaro Casas chega a esta cita apercibido de sanción, polo que podería forzar o seu quinto cartón e estar si ou si na primeira rolda da promoción.

Todos xuntos. 
A promoción á volta da esquina e chega a oportunidade perfecta de xuntar afección e equipo. Este domingo ás 18h no Vero Boquete despedimos a liga na casa, á falta do encontro no Couto, nun enfrontamento onde demostrar aos nosos que estamos con eles. Un partido de balde para aboados e con entradas a 10 euros para non aboados maiores de idade e de balde para menores.
Quen, por contra, para quen non poida achegarse ao templo branquiazul poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. Tamén se poderá escoitar en directo en 'Esedé Radio', na web oficial do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario