Faltou o gol

O Compos non foi quen de volver de Vitoria cun resultado positivo na súa visita ao Alavés B. Un partido cun dono diferente en cada parte, no que os babazorros puideron asinar unha goleada importante antes do tempo de lecer e no que tivo oportunidades para remontar o equipo de Yago Iglesias no segundo tempo mais quedando ás portas dun gol que axudaría moito de cara ao partido de volta o vindeiro domingo no Vero Boquete. 

Anxo salvador. 
Iñaki Alonso saiu ao terreo de xogo cun plantexamento moi marcado. Aproveitando a velocidade de Lupu, o xogo do cadro vasco pasou por balóns en longo, ás costas da defensa compostelanista, chegando así as mellores oportunidades dos seus no primeiro tempo. As mellores ocasións e, como non, un gol que facía pensar nalgún que outro partido desta mesma campaña. 
Sen conseguir reaccionar, sen facerse coa posesión da pelota, o conxunto alavesista puido facer o seu xogo case a pracer ata o tempo de lecer sobre o verde de Ibaia petando co gran muro no que se converteu esta mañá Anxo. O gardamallas branquiazul evitou a que puido ser unha goleada importante dos albiazuis con Lupu e José Luis como pezas fundamentais no ataque e Uña, xunto co noso porteiro, evitando algo que puido rematar moito peor. 

Reacción insuficiente. 
O paso por vestiarios serviu para darlle a volta ao xogo. O Compos meteuse no partido con ata tres corners nos cinco primeiros minutos e Alex Ares tivo nas súas botas, cun saque de falta directo, o tanto do empate cun balón que finalmente saiu logo de petar no longueiro. Iso non foi máis que o comezo de reacción dun equipo que xogou en campo contrario boa parte dos segundos corenta e cinco minutos con Miki como peza importante abrindo ocos pola banda grazas á súa velocidade. 
Por parte do filial vitoriano, só Lupu foi quen de poñer en apuros a Anxo no segundo tempo cun disparo que saiu por un lateral da portería, sen riscos. Un equipo que se tivo que defender ata o noventa e catro contra unha Esedé que, realizando o seu xogo, levou moito perigo sen a sorte, ou puntería, precisa para superar á defensa. 

Agora, os nosos terán que recibir ao equipo nun Vero Boquete que apunta a ser un inferno coa única intención de darlle a volta á eliminatoria e poder seguir camiñando cara á Segunda B. 

FICHA: 


Ningún comentario:

Publicar un comentario