Chegamos ao treito final do campionato. Co segundo posto aínda en xogo, o Compos terá que afrontar o seu segundo encontro desta semana nun mércores onde os nosos precisarán do apoio da afección branquiazul para deixar atrás o resultado de Laracha. Diante estará o Racing Vilalbés, un dos mellores equipos desta segunda volta e que chegará ao Vero Boquete sen nada polo que loitar máis que o orgullo, logo de salvar a categoría sen correr ningún risco.
Sen riscos.
Con 29 puntos conseguidos en 15 xornadas, os de Vilalba son os que máis puntos conseguiron dende que arrincou a segunda volta. E é que logo de rematar a primeira volta, de maneira sorprendente, nos postos de descenso, os lugueses están agora salvados a catro xornadas para o final do campionato, sen pasar ningún tipo de risco a diferenza do que se puido pensar na primeira metade do torneo.
Con 46 puntos, os de Simón Lamas ocupan a undécima posición da táboa superando ao Paiosaco en 8 puntos mentres que son xa 12 os que o afastan dos postos de promoción de permanencia, quedando sen ningunha opción malia facer unha gran segunda volta. 12 triunfos avalan a un equipo forte a domicilio e que conseguiu outros 10 empates. Ademais, con 12 derrotas, é o equipo con menos partidos perdidos da metade baixa da clasificación. En canto a goles, anotaron e recibiron o mesmo número de goles: 42.
Outro dato curioso dos vilalbeses é que conseguiron o mesmo número de puntos tanto na Magdalena coma a domicilio: 23. Fóra da casa, gañaron ata 7 enfrontamentos sacando os tres puntos de campos coma Calabagueiros ou A Lomba mentres que só conseguiron empatar no Candocia e na Senra, un por volta. Uns grandes datos aos que engadir a xeira de 6 saídas consecutivas sen perder, sufrindo o último pau no Lourambal na primeira xornada desta segunda volta.
A nivel individual, contan nas súas filas con ex xogadores branquiazuis coma o central Taboada e os centrocampistas Make e Diego Rey. Ademais, o dianteiro Alex Pérez, baixa por lesión para este mércores, é o máximo anotador do equipo con 9 tantos mentres que Javi Pita, baixo paus, é unha das pezas fundamentais do gran momento que pasan.
Unha segunda volta para non esquecer.
O Racing Vilalbés está a facer unha segunda volta case inigualable. 29 puntos de 45 posibles con unicamente dúas derrotas, unha a domicilio, en Porriño, e outra en Vilalba, contra un Lugo B que suma o mesmo número de puntos que os seus veciños chairegos.
Os da Terra Chá, que encadean 4 vitorias consecutivas, son sen dúbida os mellores dunha segunda volta na que asinaron un total de 22 goles mentres que en contra recibiron só 12, con 4 nas dúas últimas citas. Unha segunda volta na que só quedaron sen marcar no derbi lugués mentres que foron quen de deixar a súa porta a cero en 6 citas.
3 de 3.
O Racing Vilalbés pisou o verde do Vero Boquete ata en tres ocasións e lonxe de sacar algún bo resultado, marchando con tres derrotas, nin sequera foron quen de marcar. Un dato que se compensa coas catro visitas dos nosos á Magdalena sen conseguir gañar nunca, asinando dous empates.
Con dous triunfos pola mínima, o mellor resultado para os de Yago Iglesias chegou a pasada campaña cunha vitoria con tres goles branquiazuis obra de Alex Ares, Tomás e Diego Rey, todos eles na segunda volta. Unha gran vitoria nun xogo igualado e coa promoción en xogo por parte dos dous conxuntos, aínda no comezo da segunda volta do curso.
Por outro lado, na primeira volta, o resultado en Vilalba foi de empate grazas aos goles de Ballesteros e un Aythami moi en forma e que este mércores buscará marcar na casa por décimo encontro consecutivo, chegando un tanto máis descansado que o resto de compañeiros despois de quedar fóra da convocatoria para o xogo contra o Laracha sendo o descarte de última hora.
Cara e cruz.
A pasada xornada deixou un novo triunfo para os vilalbeses mentres que o Compos encaixou a peor goleada dende que Yago Iglesias está no banco branquiazul. Dous partidos xogados o pasado domingo e que deixaron unha cousa en común: os goles.
O Compos recibiu unha derrota tan dolorosa coma avultada. Cinco goles en contra con diversos erros en defensa sobre un campo artificial que non está a deixar boas sensacións aos nosos este ano. Na outra portería, Alex Ares fixo o único tanto dos nosos xa case sen opcións de remontar.
O Racing Vilalbés puido poñer terra de por medio en cousa de dez minutos contra un Paiosaco que igualou a contenda antes do tempo de lecer con dous goles de Otero. No segundo tempo, Villares fixo o terceiro para os locais e o segundo na súa conta particular asinando tres puntos que os achegan á permanencia xa case de xeito matemático.
Recuperando efectivos.
Malia poder acusar o cansazo logo do partido do domingo en Laracha, Yago Iglesias terá á súa disposición a case todos os xogadores para recibir ao Racing Vilalbés. O ribeirense recuperará para o partido a Miki, Piscu e Aythami, que caeu da última convocatoria xusto antes do partido por enfermidade. Por contra, seguirá unha semana máis fóra dos terreos de xogo Samu, cuxa volta podería estar moi preto.
Calor e fútbol.
Mércores festivo e con previsión de calor nun Vero Boquete que podería presentar unha boa imaxe logo da iniciativa posta en marcha polo clube pola cal cada aboado puido retirar, ata hoxe, dúas invitacións. Por outro lado, as entradas nas billeteiras terán un prezo de 10 euros mentres que os menores de 18 anos pasan de balde.
Quen non poida asistir ao encontro poderá seguilo a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube así como escoitalo en directo a través de 'Esedé Radio', na web oficial do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario