Set e partido

O Compos asinou a maior goleada do campionato contra un Boiro que, malia o que poida indicar o resultado, non puxo as cousas nada doadas. Un partido no que Aythami volveu deixar mostras da súa facilidade de cara a gol con outros tres tantos na súa conta particular, e unha asistencia para o cuarto da tarde. Josiño, Remeseiro e Santi completaron unha goleada na que, ademais, a volta de Lorenzo á porta branquiazul rematou sen goles recibidos. 


Aythami, un gran acerto. 
O partido arrincou do mellor xeito posible. Un Compos que se quixo mostrar superior dende o comezo buscando evitar un susto como o recibido en Calabagueiros e para iso, contra un rival ben colocado, a primeira ocasión, e gol, chegou a balón parado. Centro de Marcos Remeseiro e Aythami, no segundo pau, non perdoa. A pelota sácaa Rodri mais xa traspasara a liña. 
Co primeiro no marcador, a cousa foi algo máis doada contra un Boiro que case non puido facer máis que defenderse. Non obstante, malia ter a posesión do esférico e pasar gran parte do tempo en campo visitante, as ocasións non chegaron con claridade agás, unha vez máis, dende a esquina. E de novo repítense os protagonistas con Marcos Remeseiro poñendo a pelota na área, Rodri fallou na saída e Aythami só tivo que poñer a punteira da bota para encamiñar un novo triunfo. 
Ao igual que diante do Porriño Industrial, o canario non quixo desaproveitar a oportunidade de aumentar un novo balón á súa colección. Aínda así, o 'hat trick' fíxose de rogar con dúas oportunidades perdoadas, a segunda salvada no último momento por Cardeñosa, mentres que á terceira, logo doutro erro defensivo, non perdoou. O sétimo tanto do canario nas dúas últimas citas no Vero Boquete chegou, neste caso, despois dun rexeite a un tiro de Brais Abelenda.

Moita tranquilidade
Co partido xa finiquitado, o segundo tempo non foi máis que un mero trámite. Con moita tranquilidade, os goles seguiron chegando sobre a portería defendida por Rodri. O cuarto da tarde, con só dez minutos dende a reanudación, levou de novo o selo de Aythami, aínda que neste caso como asistente. O canario desfíxose do gardamallas e só tivo que poñer a pelota para que Josiño a empurrara a porta baleira. 
Xa sen o canario sobre o verde, retirado por precaución despois de dúas entradas perigosas, os protagonistas pasaron a ser outros. Marcos Remeseiro, asistente nos dous primeiros goles, quixo participar tamén no quinto dando a pelota a Brais Abelenda na xogada que remataría co ex racinguista no chan e unha pena máxima para materializar un novo gol. E foi o propio centrocampista coruñés quen, dende os once metros, enganou ao gardamallas para asinar o quinto e mellorar, aínda máis, unha gran cita. 
Unha gran goleada que tivo un mellor fin. O sexto, co que se pechou o 'set', foi obra dun Santi que viu porta case dous meses despois. O de Navia recibiu a pelota de Miki, controlou e sen moverse nin un paso puxo a pelota na escadra, fóra das posibilidades de Rodri. O gran gol do partido e da xornada para un xogador que aproveitou á perfección os seus minutos aparecendo dende o banco de suplentes. 

Agora toca pensar xa nun encontro sempre complicado en Redondela pensando en aproveitar o máis mínimo erro para ascender algún posto na clasificación. 

ALIÑACIÓN: Lorenzo; Sergio Pereira, Piscu, Uña, Naveira; Mon, Remeseiro; Miki (Alex Ares, min. 71), Josiño, Brais Abelenda (Saro, min. 64); e Aythami (Santi, min. 58). 
CARTÓNS: Amarelos para Miki e Mon. 
GOLES: 1-0 3' Aythami, 2-0 25' Aythami, 3-0 39' Aythami, 4-0 55' Josiño, 5-0 62' Remeseiro, 6-0 70' Santi. 
CAMPO: Vero Boquete de San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario