Puntos vitais

Rematado o 'Tourmalet', lonxe do mellor resultado posible, toca a parte máis dura do campionato. A liga regular está na súa fase final, onde xa se definen tanto os postos pola parte máis alta do campionato como pola parte baixa. E nada mellor para demostrar a necesidade de gañar tanto por facerse co posto máis privilexiado da táboa ou ben por saír dos postos de descenso á Preferente que un partido no Vero Boquete entre o terceiro clasificado e o penúltimo nunha loita que se presume máis igualada do que realmente di a clasificación.


Con opcións.
O Boiro ven de facer unha segunda volta para esquecer. Os agora adestrados por Luis Santiago, que se sentará no banco boirense por segunda vez dende a súa fichaxe, non gañan dende hai máis de mes e medio, cando o fixeron en Barraña fronte ao Somozas, e a domicilio dende xaneiro, no Municipal da Laracha pola mínima. Dúas vitorias ás que sumar outros tres empates chegando a esta cita con 9 dos últimos 33 puntos en xogo. Unha xeira que sitúa ao equipo nos postos de descenso mais con aínda opcións de salvar unha categoría na que suman a súa segunda tempada consecutiva logo dun descenso administrativo.
28 puntos sitúan ao cadro boirense só por enriba do Porriño Industrial e a 4 puntos dun Céltiga que, a día de hoxe e sen ter en conta posibles arrastres, marca os postos de permanencia. Un Boiro que pechou a primeira volta fóra dos postos de descenso caendo en picado acumulando un total de 6 xornadas sen conseguir a vitoria. En total, 7 vitorias e outros tantos empates sacando algo positivo da Lomba e As Eiroas, ademais de conseguir un punto contra os nosos, e gañando todos os seus encontros pola mínima. Ao anterior hai que engadir outras 16 derrotas. En canto a goles, 28 a favor e 53 en contra que os colocan como o segundo equipo con menos acerto e o terceiro que máis encaixa.
Un equipo sempre difícil en Barraña e que xa puido dar máis dunha dor de cabeza a domicilio. Conquistado o Candocia, A Cheda e o Municipal de Laracha, os de Luis Santiago empataron na Magdalena, A Lomba, As Eiroas, A Senra e O Couto. Por outro lado, en canto ás derrotas, 7, chegaron sempre despois de recibir 2 ou máis goles con só 2 pola mínima.
Presidente e o máximo goleador. Changui, que cumprirá 42 anos nuns días, segue perforando porterías cando non se encarga de dirixir un Boiro cuxo mando tomou a escasas horas da máis que posible desaparición dun histórico do fútbol galego hai case 2 anos. A día de hoxe, despois de 28 partidos xogados polo ex dianteiro da Esedé, suma un total de 10 goles sendo, de lonxe, o máximo artilleiro boirense e o xogador con máis calidade das filas dun equipo que non se lle dá de todo ben ao Compos.

Vellos coñecidos.
Se xa na primeira volta había que contar ata catro defensas no Boiro con pasado do Compos e un dianteiro, agora hai que contar unha peza máis ás ordes de Luis Santiago que coñece ben ao seu rival deste domingo así como o terreo de xogo onde se xogará moito.
Paco e Pablo Vidal polas bandas e Cardeñosa e Ander no centro da zaga buscan evitar os goles rivais mentres que Changui, no ataque, ocúpase de manter con vida a un equipo en horas baixas. Entre uns e outro hai outra peza importante no centro do campo. Ube, que volverá á Esedé de cara á vindeira tempada, xa duplicou os minutos xogados cos nosos durante a primeira volta sen conseguir aínda ver portería.

Ata o final.
Se hai algo que está a marcar os partidos do Compos son os minutos finais. Os 15 últimos minutos de cada partido aumentan os nervios na familia branquiazul e cada xogada supón unha gran oportunidade de recibir un gol e, en moitas ocasións, estragar o feito ata o momento. Un guión que se repetiu en partidos importantes coma o do Bergantiños ou o da pasada fin de semana en Calabagueiros, onde o equipo fixo unha boa segunda metade perdoando as mellores ocasións.
Pola súa parte, o Boiro é todo o contrario. O equipo do Barbanza supón un gran perigo nos intres finais logo de anotar un total de 7 goles nos 5 últimos minutos. O último sen tempo de reacción chegou a pasada fin de semana para empatar en Barraña contra o Paiosaco logo de ir perdendo 0-2 no minuto 77, con ata dous goles de Xacobe para facer un punto importante contra un rival directo.

Un rival sempre complicado.
Compos e Boiro levan véndose as caras dende 1986, cando o noso equipo visitou o Barbanza por primeira vez. Dende aquela cita, un total de 13 enfrontamentos entre a Terceira e a Preferente, da que ascenderon da man en 2012. Un emparellamento que non deixou moi bos resultados no Vero Boquete dende hai 29 anos, cando o Compos conseguiu a segunda vitoria diante dos boirenses despois de facer o propio en Santa Isabel tres anos antes.
No que vai de século, un empate e unha derrota en San Lázaro para os nosos, que buscarán repetir o feito en Barraña o pasado ano grazas a dous goles de Primo e un de Santi. Ademais, na primeira volta repetiuse o empate co 1-1 no luminoso, resultado máis repetido entre os dous, con tantos de Casas en propia porta e Piscu.

Aythami volve á casa.
Aythami fixo un bo partido fronte ao Barco mais sen conseguir ver porta, malia intentalo. O canario, máximo goleador do equipo e situado xa entre os tres xogadores con máis goles do grupo, volve á casa, onde adoita celebrar a meirande parte dos seus goles. 
Catro goles contra o Porriño e un contra Racing, Alondras, Ourense CF, Ribadumia, Laracha, Choco e Céltiga. 11 dos seus 17 tantos totais foron nun Vero Boquete que non se cansa de celebrar os seus goles. Un xogador que anotou en tódolos partidos que xogou en Santiago dende que en novembro non puido facelo na vitoria pola mínima contra o Barco. 

Rubén, baixa segura. 
Para esta cita importante, Yago Iglesias contará con só unha baixa segura, a de Rubén, mentres que Alberto xa está adestrando buscando recuperarse da súa lesión que o ten apartado do resto do equipo dende o arrinque do curso obrigado a pasar por quirófano hai case dous meses. A parte, non haberá baixas por sanción con Sergio Pereira xa 'limpo' de amoestacións mentres que Naveira chega con 4 e non podería estar fronte ao Choco en Santa Mariña. 

Domingo de tarde. 
Un día despois de que no Vero Boquete se xogue o segundo encontro da 'Rolda élite' do Europeo feminino sub-19 coa selección española como protagonista, Compos e Boiro pisarán o verde para un partido que dará comezo ás 18 horas. As entradas para o enfrontamento terán un prezo de 10 euros para non aboados mentres que será de balde tanto para aboados branquiazuis coma para menores de 18 anos. 
Para quen non poida achegarse ao feudo branquiazul, poderá seguirse o partido a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Tamén se poderá escoitar en directo na 'Esedé Radio', na web oficial do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario