Campo imposible?

A día de hoxe só quedan dous campos en toda a categoría nos que ninguén foi quen de gañar no que vai de curso. Un é A Malata, onde os nosos conseguiron un punto logo dun xogo sen goles e con ocasións de serio perigo entre moito respecto. O outro é Santa Mariña, campo do que saíron con empate a metade dos equipos que por alí pasaron pero no que ninguén puido sumar de tres con Bergantiños, Barco e UD Ourense, entre outros, sufrindo incluso para facer un punto.
Por outro lado, un Compos que na casa vai a golpe de goleada nas últimas datas e que quere non só ser o primeiro en gañar en Redondela senón, ademais, conseguir a cuarta vitoria a domicilio deste ano 2019.


O dobre de puntos na casa.
Un dos grandes equipos cando xoga diante da súa afección, con números semellantes aos feitos polos equipos da parte alta da táboa, pero con rexistros a domicilio que o poderían situar entre os postos de serio perigo neste final de liga. O Choco, agora mesmo na zona media da clasificación, quere aínda manterse nunha loita pola cuarta posición aínda sen dono e con ata cinco equipos con opcións pechando esta lista o cadro redondelán, a 5 puntos da UD Ourense. Un equipo que, ademais, pechou na Porta Santa unha xeira de 15 xornadas consecutivas sen perder.
47 puntos manteñen ao equipo dirixido por Gonzalo Fernández na oitava posición da táboa nunha segunda volta con moito aínda en xogo tanto na parte alta coma na baixa. Un equipo que, en total, asinou 12 vitorias, 11 empates e 8 derrotas sendo, xunto co Arenteiro, o equipo con máis repartos de puntos da categoría. Por outro lado, trátase dun equipo con gol logo de anotar 48 tantos sendo o cuarto equipo con máis acerto, mentres que en defensa ata once equipos recibiron menos dos 39 encaixados polos redondeláns.
Diante da súa afección, trátase dun dos equipos máis fortes do campionato, cunha forte defensa e un gran acerto de cara a portería. É así que o Choco non encaixou ningunha derrota en Santa Mariña no que vai de tempada mais, non obstante, asinaron un total de 7 empates contra rivais coma Bergantiños, UD Ourense ou Barco, repetindo o empate a 2 nas citas contra os dous conxuntos da provincia ourensá. Por outro lado, 8 vitorias entre as que destacan as goleadas fronte Racing Vilalbés e Céltiga, facendo cinco e seis goles respectivamente.
A nivel individual, é inevitable non destacar a Félix. O vigués, autor do único gol do Choco na Porta Santa, suma un total de 14 goles supoñendo outros tantos puntos para os seus. Non obstante, é un dianteiro que só puido facer 6 deses tantos diante da súa afección acertando máis a domicilio.

Dende abril.
15 de abril de 2018. Nada en xogo en Redondela. Choco e Ribadumia medían forzas a estas alturas do campionato a pasada tempada. O Ribadumia, con Josiño no once titular, adiantouse superado o cuarto de hora de xogo grazas a un gol de Miguel. Unha vitoria que arrincaba así e que remataba, non sen sufrir, cun gol de Rubén Cerqueiras para os visitantes nos intres finais do tempo regulamentario.
Dende esa derrota, hai case un ano, o Choco non volveu caer na casa en partido de liga. Pecharon o pasado curso cun empate fronte ao Racing Vilalbés e unha vitoria contra o Barbadás acabando coas opcións de permanencia do cadro dos Carrís e comezaron o presente cun empate sen goles diante do Arenteiro. A partires de aí, o que xa se comentou antes. Sen derrotas e cunha vitoria máis ca empates.

15 xornadas sen perder.
Dende o 2 de decembro, cando non puideron sacar nada positivo fronte ao Racing de Ferrol, e ata a derrota na Porta Santa a pasada fin de semana, o Choco estivo catro meses sen perder. 7 vitorias e 8 empates avalan a un equipo que, por contra, pechou a súa gran xeira de resultados contra o Paiosaco nun partido no que chegaron con vitoria ao treito final, onde os laracheses, con dous goles de Iván Amor, conseguiron darlle a volta ao resultado.
Por contra, o Compos chega de golear a un Boiro que non tivo opción, por debaixo no marcador dende os minutos iniciais do encontro. Un novo triunfo cunha gran exhibición de Aythami, que suma 8 goles nos 3 últimos partidos xogados no Vero Boquete, mentres que a domicilio non o fai dende hai mes e medio.

Historia branquiazul.
Compos e Choco enfrontáronse nun total de 11 ocasións ata o momento cun claro ton branquiazul nos resultados. De feito, o Choco só foi quen de gañar aos nosos nunha ocasión: en San Lázaro o pasado ano con goles de Gabi e Chiqui. A parte, 6 triunfos para os nosos e 4 empates sempre con goles deixando claro que aos nosos non se lles dá nada mal ver portería contra os redondeláns.
En Redondela, 2 vitorias e 3 empates, sempre con goles dos dous equipos. De feito, o primeiro triunfo dos nosos diante do Choco, alá por 1963, chegou con goleada por 1-7 mentres que o segundo foi en decembro de 2017 grazas aos goles de Tomás e Primo nun partido que rematou con gol de Pablo Couñago xa no engadido.
Falando do último partido entre Compos e Choco, no Vero Boquete na primeira volta, a vitoria quedou na capital galega. Un triunfo con goleada incluida e que quedou practicamente sentenciado aos quince minutos cos goles de Brais Abelenda, Alex Ares e Aythami. Xa no segundo tempo anotou o cuarto Mon e Félix fixo o tanto da honra para os seus minutos máis tarde.

Tres ausencias importantes.
Para este domingo, Yago Iglesias contará coa baixa xa máis que coñecida dun Alberto que xa comeza a adestrar co resto dos seus compañeiros pensando no treito final do campionato. Ao centrocampista hai que engadir as ausencias doutros dous xogadores que xa non puideron estar diante do Boiro e que supoñen dúas baixas moi importantes. Samu e Chechu, ámbolos dous pendentes de evolución ao longo da semana, apuntan a que terán que ver o partido dende a bancada de Santa Mariña.

Primeiro en cinco días.
O Compos arrincará en Redondela este domingo o primeiro partido en cinco días xa que o xoves, día festivo, terá que recibir no Vero Boquete ao Arenteiro. En Santa Mariña, o encontro dará comezo ás 17 horas e as entradas terán un prezo de 13 euros para os afeccionados branquiazuis.
Para quen non poida asistir ao encontro, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario