Semana importante

O Compos arrinca este domingo unha semana un tanto diferente e, sobre todo, importante. Os de Yago Iglesias terán que pelexar en ata tres partidos en cousa de oito días, algo que non pasaba dende o arrinque do curso, co equipo aínda vivo na Copa do Rei. Tres partidos de liga nos que se podería pechar o primeiro obxectivo, que non é outro que a clasificación para a promoción de ascenso de xeito matemático, e buscar o segundo, que é revalidar o campionato da Terceira división.
Esta nova serie de tres partidos arrinca o domingo no Municipal de Laracha. O Laracha, segundo filial do Deportivo, é xa equipo de Preferente logo do descenso do Fabril, buscará pechar a súa presenza na Terceira cun triunfo diante dun Compos coa única intención de recuperar o camiño da vitoria lonxe do Vero Boquete de San Lázaro.


Os primeiros en descender.
O Laracha, equipo con convenio de filialidade co Deportivo, asinou o seu descenso administrativo á Preferente galega hai xa dúas semanas. Un equipo que estaba a facer un bo curso ocupando a día de hoxe o 16º posto na táboa. Sen xa nada en xogo, un equipo que quere pechar o curso deixando unha boa lembranza aos seus afeccionados.
Con 36 puntos logo de 33 partidos xogados, o cadro larachés asinou un total de 9 triunfos, boa parte deles na casa, e outros tantos empates. Un equipo que puxo contra as cordas aos grandes da categoría, conseguindo empatar contra equipos coma Bergantiños, Arosa ou UD Ourense entre outros e gañando, no Municipal de Laracha, a un Choco que foi de menos a máis ao longo da tempada. Por outro lado, 15 derrotas totais cun 3-0 en contra na Senra que supuxo a súa derrota máis avultada. En canto a goles, anotaron un total de 34 tantos sendo un dos conxuntos con menos acerto de cara a porta pero compensando isto cos só 39 goles en contra, que o sitúan no sétimo posto de equipos con mellor defensa só superados polos catro primeiros e os dous conxuntos da cidade de Ourense.
No Municipal de Laracha, os de Óscar Gilsanz conseguiron unha boa parte dos seus puntos. Ata 23 puntos quedaron no feudo larachés grazas a 6 triunfos, entres os que destacar o 3-0 contra o Arenteiro sendo a vitoria con mellor resultado con outros 4 pola mínima, e 5 empates, con só un partido sen goles e o resto repetindo o empate a un gol. Por outro lado, un total de 5 derrotas, todas elas pola mínima.
A nivel individual, Adrián está a sobresaír no equipo a base de goles. O canteirán do Depor suma 7 tantos e dous deles nas dúas últimas xornadas, buscando o seu terceiro tanto consecutivo e chamar ás portas do Fabril de cara á vindeira campaña.

Tres de oito.
Esta será a novena saída do Compos neste 2019. Oito saídas atrás que se pecharon con só 3 triunfos, 2 empates e 3 derrotas conseguindo puntuar por última vez fóra do vero Boquete hai máis dun mes, no Couto contra a UD Ourense e sendo a única vitoria a domicilio dende febreiro. Ao anterior hai que engadir que os nosos só puideron anotar 2 goles nas 4 últimas citas lonxe de Santiago.
Un Compos moi diferente ao que xoga diante da súa afección e que non só non foi quen de superar con crecer os últimos encontros, sen perder en toda a segunda volta, senón que, ademais, non recibiu ningún gol nas tres últimas citas. 
Pola súa parte, o Laracha leva puntuando nas dúas últimas xornadas, gañando ao Silva e empatando sen goles diante do Céltiga. Un equipo que, no Municipal, conseguiu 8 puntos de 21 posibles perdendo ata en tres ocasións sempre pola mínima, incluíndo un 2-3 contra o Bergantiños con dous goles dos carballeses nos quince últimos minutos. 

Volta á vitoria?
O Compos buscará este domingo volver ao camiño do triunfo a domicilio recuperando as boas sensacións perdidas en Santa Mariña. E é que o equipo de Yago Iglesias non encadea dúas vitorias consecutivas dende que gañou a Racing de Ferrol, UD Ourense e Porriño Industrial en marzo. E despois do triunfo, con máis acerto que bo xogo, contra o Arenteiro, o equipo quere seguir polo bo camiño. 
Pola súa parte, o Laracha quere encadear a terceira xornada seguida sen perder diante da súa afección por segunda vez, logo de catro vitorias consecutivas na casa dende o mes de setembro e ata outubro convertindo ao equipo nunha sorpresa importante no primeiro treito do campionato colocándose na sexta praza con once xornadas xogadas.

O Municipal, campo complicado. 
Ata en catro ocasións visitou o Compos o Municipal de Laracha nos últimos anos. Un territorio onde se asinou unha gran goleada alá polo ano 2007 mais que se foi complicando nas recentes campañas. Dun 3-6 ata a vitoria pola mínima do pasado curso pasando por un partido sen goles nun campo complicado para os homes de Yago Iglesias, os cales conseguiron os tres puntos o ano pasado grazas a un gol de Róber.
En canto á primeira volta, no Vero Boquete, a Esedé abriu a lata cun gol de Iago en propia porta mentres que Aythami asinou o segundo e Brais Abelenda pechou a vitoria co terceiro xa no segundo tempo. Mosquera, xa co encontro pechado, fixo o único gol dos laracheses. 

Domingo, mércores, domingo.
O Compos terá que enfrontar ata tres partidos de liga en cuestión de oito días. Unha semana que pode marcar o treito final para un equipo que pode seguir pelexando pola primeira posición, pechando a súa clasificación para a promoción conseguida xa de xeito virtual, ou ben perder as opcións de seguir a estela do Racing de Ferrol e ocupar as cinco xornadas que restan ata o final do curso para preparar un posible novo ascenso á categoría de bronce do fútbol español.
Comezando esta lista co Laracha, o mércores pasará polo Vero Boquete un Racing Vilalbés que case se pode dicir que non pelexará por máis que dar unha boa nova á súa afección no 'Día do traballador'. A semana rematará coa visita branquiazul á Senra para visitar a un Ribadumia inmerso na pelexa pola permanencia, con Tomás nas súas filas.

Casas volve. Miki e Samu, caen.
Logo da estrea de Alberto no centro do campo a pasada xornada diante do Arenteiro, Yago Iglesias conta a día de hoxe con só dúas baixas. E é que recupera tamén a Álvaro Casas para o centro da defensa mentres que perderá, unha semana máis, a Miki, aínda esperando o alcance da súa lesión sufrida contra o Choco en Santa Mariña, e a Samu. Podería volver tamén ao equipo Álvaro Naveira despois dunha xornada de sanción e chegando a este partido sen apercibidos que se puideran perder o enfrontamento contra o Racing Vilalbés do vindeiro mércores.

Horario xa habitual. 
O Laracha-Compos terá lugar este domingo no Municipal de Laracha ás 18 horas. Un bo partido para o que as entradas terán un prezo de 10 euros para os afeccionados branquiazuis que queiran desprazarse. 
Por contra, quen non poida asistir, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Ademais, poderá verse en directo a través da TVG. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario