O Compos non puido volver con nada positivo do Municipal de Laracha nun dos peores partidos dos nosos en anos. Unha cadea de erros en defensa nun Compos que segue aumentando os malos resultados lonxe do Vero Boquete encaixando a peor goleada en case tres anos, igualando a recibida en Abegondo na primeira xornada na volta á Terceira contra o primeiro filial deportivista.
Sen ideas, sen sorte, contra un rival que non desaproveitou ningunha oportunidade e sen ser quen de meterse no partido. Un desastre irrepetible a falta dun mes para o arrinque da promoción de ascenso e que leva os nomes de Manu Mosquera, Iago Parga, Iago Novo e Guedes, autores dos cinco tantos laracheses. Por outro lado, Alex Ares buscou manter con opcións aos nosos cun gol dende os once metros e, minutos despois, unha falta que de entrar tería cambiado o final do xogo.
Sen excusas.
Nun campo de herba artificial xa demostraron os nosos ter numerosas complicacións para sacar bos resultados e no Municipal de Laracha non foi menos. Con só un pequeno aviso sobre a porta defendida por Santi Canedo, as sorpresas non tardaron en chegar co primeiro gol local. Un tanto logo dun erro en defensa de David Uña, o disparo que non consegue parar Lorenzo e, logo de posiblemente recibir un golpe na pelexa polo esférico, tanto de Manu Mosquera para abrir a lata.
As sensacións non melloraron moito máis durante un primeiro tempo que rematou con outra acción un tanto polémica. Un balón longo para Manu Mosquera e Álvaro Casas toca ao dianteiro cando entraba na área. Sen entrar en se o toque é suficiente ou non, penalti a prol do Laracha e gol de Iago Parga dende os once metros para restar algo máis as opcións para un Compos que vía como se escapaba a segunda praza do campionato.
Máis do mesmo nos instantes iniciais do segundo tempo nos que, lonxe de mellorar o xogo branquiazul, chegou a que ben puido ser a sentenza definitiva para os laracheses. Un gol de Guedes a porta aproveitando un rexeite de Lorenzo para marcar a porta baleira.
Reacción interrompida.
Cunha vantaxe case insalvable, Alex Ares buscou meter ao equipo no partido cun gol que de pouco serviu. Unha man dentro da área e segundo penalti da tarde que non perdoa o eumés. Un gol que fixo espertar aos nosos durante uns minutos nos que o propio Ares puido recurtar distancias algo máis cun disparo de falta que saiu por moi pouco.
Non obstante, a reacción branquiazul rematou en menos de cinco minutos. Outro centro dende a banda directo ao segundo pau, onde non chega Lorenzo e con erro de Saro á hora de intentar despexar o esférico. Cuarto tanto da tarde e segundo na conta particular de Guedes para matar definitivamente o xogo.
A sentenza chegou co mellor tanto da tarde. Un gran gol de Iago Novo logo de varios caneos para desfacerse da defensa branquiazul e que supoñía o quinto do tarde. Unha goleada moi importante e que deixa malas sensacións no treito final do campionato.
Agora toca preparar o xogo fronte ao Racing Vilalbés do vindeiro mércores no que buscarán deixar pechada a clasificación matemática para a promoción así como o terceiro posto.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Casas, Uña, Chechu (Naveira, min. 46); Mon, Remeseiro (Alberto, min. 71); Brais Abelenda, Alex Ares, Rubén (Josiño, min. 46); e Santi.
CARTÓNS:
GOLES: 1-0 11' Manu Mosquera, 2-0 41' Iago Parga, 3-0 51' Guedes, 3-1 64' Alex Ares, 4-1 68' Guedes, 5-1 80' Iago Novo.
CAMPO: Municipal de Laracha.

Ningún comentario:
Publicar un comentario