O Compos superou ao Arenteiro nun duro partido no Vero Boquete onde o equipo carballiñés puxo as cousas moi difíciles defendendo con todo e buscando a portería de Lorenzo, sen premio. No outro lado, un gol de Aythami para manter a súa efectividade na casa, Brais Abelenda e Mon nun partido que quedará marcado pola volta aos terreos de xogo de Alberto, que se estreou este curso portando o brazalete de capitán logo de superar unha pubalxia que o obligou a pasar por quirófano hai uns meses.
Moito con pouco.
Catro días despois da derrota en Santa Mariña, o Compos saltou ao terreo de xogo con intención de non arriscar ningún balón. Fronte a un Arenteiro que se limitou a defender con todo e saír á contra, os de Yago Iglesias non puideron probar sorte contra o gardamallas ata superados os 45 minutos do tempo regulamentario no primeiro tempo.
Cun plantexamento moi defensivo, cunha barreira case insuperable, o Arenteiro baseou o seu xogo en balóns en longo para Hugo Sanmartín. De feito, ata por tres ocasións estivo a piques de saír ben o traballo de Gelucho na primeira parte con tres contraataques cos que superaron as costas da defensa mais non así a un Lorenzo moi serio baixo paus.
Dando a volta ao guión habitual nos partidos dos nosos, foi o Compos o que soubo aproveitar ben os erros do Arenteiro de cara a gol. Polas bandas, única maneira de poñer en problemas á zaga carballiñesa, chegou un primeiro gol que arrincou nas botas de Marcos Remeseiro, pasou polas de Rubén, poñendo un gran centro á área, e rematou con Aythami empurrando a pelota ao fondo das redes. Un gol no engadido e que supuxo un golpe anímico para os visitantes con todo o segundo tempo por diante.
Sentenza sen opcións.
A segunda metade foi un dominio total dun Compos que mantivo o seu asedio polas bandas, con Rubén protagonizando os mellores centros para que Aythami e compañía puideran ampliar diferenzas nun partido con algo de trampa.
O segundo gol, co que poñer algo de tranquilidade no marcador, tivo de novo como protagonistas a Remeseiro, arrincando a xogada, e Rubén, como asistente, mentres que nesta ocasión o encargado de materializar a ocasión foi un Brais Abelenda que entrara ao terreo de xogo dous minutos antes, marcando no primeiro balón que tocou.
Con pouco máis conto e xa sen Rubén sobre o verde, foi Alex Ares o que se puxo a camisola de asistente. De novo pola banda, o eumés puxo un centro ao corazón da área e alí apareceu Mon para, cun testarazo imparable, pechar unha goleada que rematou con Alberto como capitán na súa estrea.
De novo a cero.
A diferenza do que está a pasar a domicilio, o Compos pechou o seu terceiro encontro consecutivo na casa deixando a portería a cero. Agás as ocasións de Hugo Sanmartín nos primeros compases do xogo, Lorenzo non tivo grandes problemas para manter a portería imbatida nunha nova vitoria dos nosos, comezada de novo dende unha forte defensa.
ALIÑACIÓN: Lorenzo; Saro, Piscu, Chechu, Sergio Pereira; Mon, Remeseiro; Santi (Brais Abelenda, min. 60), Alex Ares (Alberto, min. 82), Rubén (Josiño, min. 71); e Aythami.
CARTÓNS: Amarelo para Mon.
GOLES: 1-0 45' Aythami, 2-0 63' Brais Abelenda, 3-0 79' Mon.
CAMPO: Vero Boquete de San Lázaro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario