Santo fútbol

A Semana Santa déixanos dúas cousas: vacacións e fútbol. E é que o xoves, case sen tempo para asimilar a dura derrota colleitada en Santa Mariña, abrirá de novo as súas portas o Vero Boquete de San Lázaro para recibir ao Arenteiro nun partido entre dous equipos con aspiracións moi diferentes e que queren encamiñar, cando antes, os seus obxectivos.
Un Compos que buscará seguir sumando de tres na casa, con resultados cada vez mellores, e esquecer a derrota diante do Choco e un Arenteiro que depende de si mesmo para asinar a permanencia na Terceira por segundo ano consecutivo.


Pendentes do arrastres.
O Arenteiro está a facer unha boa tempada co obxectivo de manterse, por segundo ano consecutivo, na Terceira división. Regulares tanto na casa coma a domicilio, pecharon boa parte dos seus partidos con empates, sendo o equipo que máis rematou con reparto de puntos. 
Ocupando a 14ª posición da clasificación, o cadro do Carballiño conseguiu un total de 38 puntos grazas a 9 triunfos e 11 empates, asinando case os mesmos puntos tanto na casa coma a domicilio. Ademais, 12 derrotas do equipo dirixido por Gelucho perdendo 6 veces en Espiñedo e outras tantas fóra. En canto aos goles, trátase dun equipo que fai valer cada gol despois de anotar 34 goles e que só 5 quedaran sen valor. Por contra, recibiron outros 43 goles deixando a súa porta a cero ata en 7 ocasións incluíndo o empate sen goles entre Arenteiro e Compos en Espiñedo na primeira volta. 
Lonxe de Espiñedo conseguiron un total de 18 puntos, dous menos que na casa. 4 triunfos, entre o que destaca o conseguido no Couto diante do Ourense CF, e 6 empates, co 2-2 como resultado máis repetido, avalan a un equipo moi perigoso e que basea o seu xogo na defensa aínda máis cando sae do Carballiño. Ademais, 6 derrotas, 4 delas pola mínima, asinando a última no mes de febreiro na Senra contra o Ribadumia de Tomás Abelleira. 
A nivel individual, nun equipo liderado polo ex branquiazul Portela, está a destacar Hugo Sanmartín. O dianteiro vigués mantén ben situado ao equipo a base de goles logo de asinar 13 goles facendo un total de 4 dobretes e anotar 7 tantos a domicilio. 

No Vero Boquete é outra cousa. 
O Compos está a ter problemas para puntuar a domicilio nas últimas xornadas. A derrota da pasada fin de semana, coa que perdeu unha ocasión inmellorable para achegarse ao máis alto, en Santa Mariña non foi o primeiro pau recibido polos nosos lonxe do Vero Boquete. E é que a Esedé só asinou 1 dos últimos 9 puntos en xogo fóra de Santiago. Uns datos moi diferentes ao conseguido na casa, onde só asinou un empate fronte ao Paiosaco nun partido que se definiu no engadido. A iso hai que engadir os 21 goles a favor nos 5 últimos xogos como local. 
Pola súa parte, o Arenteiro chega de sumar de tres en Espiñedo contra o Paiosaco nun xogo que se definiu no segundo tempo. Un equipo que quere sacar de Santiago os tres puntos despois de 3 saídas sen perder. 
En canto ao partido da primeira volta, o resultado foi de empate sen goles. Espiñedo non puido gozar dunha boa tarde de fútbol nun partido onde mandaron os nosos sobre o verde mais no que ningún equipo soubo materializar as ocasións, escasas e sen perigo real. 

Precedentes positivos.
Os enfrontamentos entre Compos e Arenteiro remataron con moi bos resultados en Santiago, tanto en Santa Isabel e no Vero Boquete. Os nosos conseguiron un total de 5 vitorias e 1 empate que data de 1986. Partidos que remataron con importantes goleadas dos nosos entre as que destacar un 5-0 e un 4-0 na última visita do equipo carballiñés á capital galega, a pasada tempada, con goles de Alex Ares, Primo, Róber e Ube. 

En liña ascendente. 
Dende a visita do Racing de Ferrol a Santiago, os resultados dos nosos na casa foron en aumento. Catro goles diante do cadro verde, outros cinco diante do Porriño e seis para pechar o triunfo contra o Boiro. Tres goleadas consecutivas e dúas xornadas, as dúas últimas, nas que nin sequera houbo goles en contra. 
Ao anterior hai que engadir o gran momento polo que pasa Aythami. O dianteiro canario foi autor de 3 goles contra o Boiro, 4 contra o Porriño, 1 contra o Racing, Alondras, Ourense CF, Ribadumia, Laracha, Choco e Céltiga. Un dos máximos artilleiros do campionato que medra diante da súa afección. 

Naveira cae da lista.
Á lista de baixas por lesión, que ocupan Alberto, Chechu e Samu, hai que engadir outra ausencia importante para este xoves. Naveira, dono da banda esquerda, non poderá estar contra o Arenteiro despois de ver o quinto cartón amarelo en Santa Mariña. 

Xoves de festa. 
Por mor da Semana Santa e con intención de dar uns días de lecer ao equipo para afrontar mellor o treito final do curso, esta xornada adiántase ao xoves. Un xoves no que o Vero Boquete abrirá as súas portas para dar comezo ao partido ás 18 horas. Un gran xogo no que as entradas terán un prezo de 10 euros para non aboados mentres que será de balde para aboados e menores de 18 anos. 
Quen por contra non se poida achegar ao teatro dos soños branquiazul poderá seguir o encontro a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. Ademais, poderá escoitarse en directo a través da 'Esedé Radio', na web oficial. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario